Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Federico Fernández de Buján: "a morte de Xesús supuxo a vitoria da violencia sobre a Lei e a inxustiza sobre o Dereito"

O catedrático lucense de Dereito Romano analizou na Casa de Galicia, dende diferentes puntos de vista, o proceso contra Cristo, tema sobre o que ten varias publicacións
Madrid, 8 de abril de 2014

O catedrático de Dereito Romano da UNED, o lucense Federico Fernández de Buján pronunciou esta tarde na delegación da Xunta en Madrid, Casa de Galicia, a conferencia titulada "O proceso contra Cristo. Análise histórica, xurídica e teolóxica". Buján, que ten varias publicacións sobre o tema, asegurou que a morte de Cristo "supuxo a vitoria da violencia sobre a Lei e a inxustiza sobre o Dereito". O acto estivo presidido polo delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega López, quen expuxo algúns dos datos máis relevantes da densa traxectoria profesional e académica do relator: "autor de catorce libros e de máis dun centenar de estudos, entre capítulos de libros, obras colectivas e artigos en Revistas científicas

As publicacións xurídicas de Buján abranguen estudos de Dereito Romano, Dereito privado e Dereito comparado. É académico correspondente da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación; dirixiu seis teses doutorais xa defendidas, e cinco traballos de tese xa inscritos e en curso de elaboración. Tamén é ou ten sido presidente ou vogal de máis de 60 tribunais de teses doutorais na UNED e en 15 universidades españolas; ademais de relator en máis de cento vinte congresos nacionais, estranxeiros e internacionais da súa especialidade e xurídicos e en seminarios científicos e convencións universitarias.

Fernández de Buján explicou que se discutiu moito acerca da responsabilidade última na condena a morte de Cristo en distintas sedes científicas e que as diferentes opinións poden reducirse a duas: "as que pretenden facer recaer a última responsabilidade nas autoridades político-relixiosas xudeas, concretadas no Sanedrín; e as que afirman que a decisiva responsabilidade debe imputarse á autoridade romana, encarnada en Poncio Pilato. Esta dualidade de poderes políticos proxéctase nunha dualidade de ordenamentos xurídicos, que se superpoñen na aplicación do Dereito”.

O relator recordou a situación política no momento do prendemento e condena de Cristo, con Tiberio de emperador. Cristo nacera en tempos de Herodes O Grande, sendo Palestina un Reino asociado baixo protectorado romano. Cando morreu Herodes, o territorio foi dividio entre os seus fillos, e Judea correspondeulle a Arquelao. A situación cambiou aos nove anos, pois Augusto destituíu a Arquelao no ano 6 d. C., a petición dos propios xudeus, debido aos seus abusos de poder. O legado Sulpicio Quirino, do empadroamento do que fala Lucas no evanxeo, incorpora a Judea á provincia de Siria, baixo a xurisdición dun prefecto. O quinto nomeado é o tristemente célebre Poncio Pilato, que o foi dende o ano 26 ao 36, algo que está documentado pois en escavacións do ano 1960 apareceu unha inscrición que o corrobora: Pontius Pilatus, praefectus.

O conferenciante explicou que Sanedrín é un termo grego que designa unha reunión de persoas sentadas e cuxa orixe histórica remóntase ao desterro de Babilonia. Nos casos de condena capital, a sentenza debía aterse á ulterior ratificación do procurador. Cando os membros do Sanedrín presentaron a Cristo ante Pilato, el díxolles: Xulgádeo segundo a vosa Lei. Ao que eles responderon que non lles estaba permitido dar morte a ninguén. Buján sinala que “non se trataba de xulgar, senón de ratificar unha condena xa imposta. Non presentan o procurador a un simple acusado, senón a un condenado a morte para o cal se pide a execución". É outro feito documentado, neste caso polo historiador romano Tácito, un século máis tarde, cando escribiu sobre Nerón nos seus Anais, e relata a existencia en Roma de seguidores dun novo credo relixioso chamados cristiáns por un tal Cristo, que foi axustizado por orde de Poncio Pilato.

Buján fixo fincapé en que non di que foi condenado, senón axustizado, é dicir, mandado executar" polo que entende que "no procedemento de condena a morte de Cristo non hai dous procesos. Só hai un único proceso que se realiza ante o Sanedrín. Pilato non exerce, propiamente, unha facultade xurisdicional, senón que retén, na Judea de Cristo o ius gladii, é dicir, o poder supremo de autorizar a execución dunha pena de morte". E engadiu que "todo o que discorreu dende esa decisión do procurador romano, foi debido á innoble invasión da conveniencia política na recta administración da xustiza”. Foi o poder político o que luxou a decisión tomada polos seus intereses. Triunfou a insidia e a hipocrisía. Tamén se puxo de manifesto a "incompetencia dun gobernador incapaz"; a coacción do poder demagóxico da masa fronte o exercicio timorato do gobernador corrupto; a conculcación da legalidade vixente; e a prevaricación do gobernador inxusto pola debilidade no exercicio da súa potestade, ata o punto de "autorizar a execución do Xusto, sendo consciente diso", como o probou cando se lavou as mans e o entregou logo para que o crucificasen.

"É, en suma, a vitoria da violencia sobre a lei e da inxustiza sobre o Dereito," dixo a modo de resume.

Nas imaxes aparece tamén o empresario, escritor e abogado lucense Enrique Santín porque foi invitado polo profesor Buján a compartir a tribuna.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes