Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo e a ministra de Fomento Ana Pastor Julián presidiron na Casa a celebración do Día de Galicia en Madrid acompañados polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega López

No acto entregáronse distincións a diversas personalidades de diferentes ámbitos como cultura, universidade, xustiza, medios de comunicación, ou a carreira diplomática.
Madrid, 13 de xullo de 2015

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o "traballo diario e honestidade imperturbable" das persoas que axudan a facer "unha Galicia mellor", nacesen ou non nesta comunidade, pois "non" fai falta ser galego para amar Galicia, nin fai falla ser galego para defendela, apoiala e engrandecela.

Feijóo outorgou durante a celebración do Día de Galicia en Madrid, -xunto coa ministra Pastor- as distincións que entrega anualmente a Casa de Galicia a persoas que, dende as súas respectivas responsabilidades, colaboran con este organismo. Todos eles forman parte "dese amplo grupo de galegos, de nacemento ou de adopción, que honrades a Galicia, que facedes da vosa tarefa diaria unha ferramenta para recuperar os mellores valores da nosa terra".
 

Os galardoados proveñen do mundo da Xustiza (o maxistrado do Tribunal Supremo Cándido Conde-Pumpido), das Forzas e Corpos de Seguridade (o xeneral da Garda Civil Gregorio Francisco Guerra), da diplomacia (os embaixadores de EEUU e Xapón, James Costos e Kazuhiko Koshikawa, respectivamente), da Administración (o ex subsecretario de Interior Juan José Izarra e o ex secretario de Estado de Seguridade Ricardo Martí), das Artes (o escultor Santiago de Santiago), da Medicina (o urólogo Luis Miguel Falcón), dos medios de comunicación (a presentadora Silvia Jato e os xornalistas Victoria Prego e Lois Caeiro) e da Universidade (o presidente da Fundación Universitaria San Pablo CEU Carlos Romero e a profesora de Dereito Civil María Fátima Yáñez).

"Por cada persoa que decepcione ou por cada situación que preocupe a un dos nosos compatriotas, hai moitos máis exemplos, en calquera faceta e disciplina, que poden devolverlle a seguridade á nosa terra," dixo o presidente da Xunta. "No noso mundo a verdade non desaparece -concluíu-, é un tesouro que garda cada galego bo e xeneroso"

Pola súa parte, o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega aproveitou a súa intervención para facer un breve repaso polas numerosas actividades realizadas na Casa nos seis primeiros meses do ano, nos que "se levaron a cabo máis de 200 actos correspondentes a temáticas variadas e diversas: conferencias, exposicións de arte, presentacións de libros, concertos de música e recitais, actuacións teatrais e mesmo espectáculos de maxia e entretemento, ademais dun intenso labor de relación co mundo empresarial".

Ónega recordou tamén que a Casa acolle as reunións das asociacións profesionais galegas de Madrid: AEGAMA (Empresarios), IURISGAMA (Xuristas), ASOMEGA (Médicos), Club de Xornalistas Galegos, FAGAMA (Federación de Asociacións Galegas de Madrid), Orde da Vieira e outras. Así como os eventos promovidos por órganos directivos da Xunta de Galicia, como a Consellería de Economía e Industria, o IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), a Axencia de Turismo de Galicia ou a Axencia Galega de Industrias Culturales.

Quixo destacar ademais o traballo habitual de "as nosas Oficinas de Atención ao Público e de Rexistro, que tramitan a documentación dirixida á Xunta de Galicia, atenden peticións, recollen solicitudes ou facilitan información relacionada coa Administración Autonómica", algo que tamén acontece coa Oficina de Turismo que atende a crecente demanda de información sobre circuítos turísticos e viaxes a Galicia. "Aquí procuramos regalar amizade e axuda aos galegos e non galegos", sinalou.

A celebración institucional en Madrid do día de Galicia (25 de xullo, festividade de Santiago Apóstolo) contou con breves actuacións musicais: a cargo do Grupo de Xuntanza de Galegos en Alcobendas -música tradicional-; e de arpa como colofón pola intérprete Elena Áker

O acto finalizou con todos os asistentes erguidos e postos en pé, moi solemnes, escoitando ou cantando o Himno Galego.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes