A mostra pictórica "Interior e exterior" de Amparo Salgueiro, na Casa ata o 26 de xuño

A presentación correu a cargo de José Manuel Romay Beccaría, amigo persoal da artista pontevedresa
Madrid, 1 de xuño de 2015

A Sala B da delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acollerá ata o día 26 a mostra pictórica "Interior e exterior" da artista pontevedresa de Panxón-Nigrán Amparo Salgueiro. No acto de inauguración, que correu a cargo do presidente do Consello de Estado José Manuel Romay Beccaría, que é amigo persoal da pintora, tamén interviñeron o delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega López e a propia autora Amparo Salgueiro Martínez.

"Amparo Salgueiro deixou a farmacia e envorcouse na pintura", sinalou Romay, e nesta decisión coincide con Baudelaire e as súas Flores del mal cando di que só a arte e o amor redimen ao home". Tamén recordou a época na que el era conselleiro e logo ministro de Sanidade e "o papel activo" de Salgueiro cando "en vez de refuxiarse na comodidade da súa farmacia, sempre estivo comprometida con tarefas que serviron ao interese xeral, como o fixo dende o Colexio de Farmacéuticos".

Ónega, citando a Horacio sinalou que "a ánfora garda o aroma do primeiro viño que gardou, como a arte". A obra de Salgueiro ten "acentos de creación e sublimación da alma humana"; e engadiu que "nesta Casa de Galicia, sempre hai colgadas das súas paredes -todo o ano- o espírito creativo dos pintores e escultores. É dicir, a beleza, a creatividade, a fe no espírito do home, capaz de converter a materia en paraísos de sonos, como o fai hoxe Amparo Salgueiro".

Pola súa banda a pintora tras os agradecementos destacou que a súa obra é "o resultado de impulsos emocionais". Ademais para ela non importa o que está pintado senón como está pintado", polo que os seus cadros son "produto do momento, do estado de ánimo, do sentimento, da pura emoción... ". A inspiración de Salgueiro nútrese tanto de cousas "naturais e reais" coma doutras "intanxibles e imaxinarias"; de interiores e exteriores físicos pero tamén persoais.

A exposición ofrece máis dunha vintena de cadros de diferentes formatos e variada temática e poderá ser visitada ata o 26 de xuño. O horario de luns a sábados é de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes