Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

"Silencio brisa e pintura" de Fernanda Fernández Suárez, na Casa nol mes de xullo

A exposición estará nas salas "A" e "L" da delegación da Xunta de Galicia en Madrid
Madrid, 2 de xullo de 2013

Desde hoxe martes día 2 de xullo,ata o domingo 28, as salas A e L da Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid, acollerán a exposición "Silencio, brisa e pintura", da artista de Vigo Fernanda Fernández Suárez. A súa obra, "de exquisita técnica realista, vai en busca incansable dunha perfección que persegue captar co pincel incluso o que o ollo non ve", cunha procura de perfección, tentando plasmar nos lenzos "ese algo máis" que o ollo non é capaz de captar, pero "a alma si".

A presentación do acto de inauguración foi a cargo do Coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez e nela fixo un breve repaso pola traxectoria vital e profesional da artista.

Aínda que nada en Buenos Aires, como consecuencia da emigración dos seus pais, Fernanda Fernández Suárez regresou con eles a Galicia aos tres anos e medio de idade, instalándose en Vigo, onde reside na actualidade. Tamén en Vigo iniciouse na pintura con só nove anos, na Escola de Artes e Oficios. En primeiro lugar fíxoo con carboncillo para descubrir as formas e máis tarde, "coma se chegase á maioría de idade da pintura" deu o paso ao pastel e ao óleo para estudar e traballar coa cor.

Logo trasladouse a Madrid, onde compatibilizou a súa paixón pola pintura cos seus estudos de Políticas e Socioloxía. A gran diferenza da paisaxe castelá marcou a evolución do seu estilo. Tras perfeccionar a técnica co mestre Enrique Sobisch, a súa personalidade artísitca decantóuse definitivamente.

En 1990 instalouse en Vigo e desde entón a súa actividade pictórica non cesou, aínda que o estudo teno en Baiona.

Para Jiménez, "De Fernanda Fernández Suárez poderíanse dicir moitas cousas, e digo poderíanse dicir con toda intención, ou sexa dicir por outros, xa que ela prefire non falar apenas sobre o seu proceso creativo, en definitiva sobre a parte subxectiva da súa produción pictórica, esa parte moitas veces invisible como o anaco grande do iceberg que hai que adiviñar deducíndoo do que sobresae da auga".

Inspirándose no catálogo elaborado para a exposición, Jiménez sinalou que "en esencia, é unha pintora misteriosa que sabe chegarnos á alma e o corazón, ou a ambos os puntos neurálxicos da nosa xeografía íntima sen necesidade de malabarismos explicativos, tan só coa súa arte, tan só coa variña máxica do seu pincel e unha cantidade enorme de traballo, que adoita ser tamén a parte oculta do iceberg dos resultados".

A temática sobre a que pinta é ampla e variada, aínda que sempre desde a figuración. Entre os seus temas predilectos, están as paisaxes: de mar; de montañas; as paisaxes urbanas; as xanelas, -sempre vistas desde o exterior-; escenas deportivas; paisaxes industriais; os bodegóns ou o "fermosísimo Bautismo de Xesús", tomado do grupo escultórico da catedral de Florencia.

A exposición poderá visitarse ata o 28 de xullo. Laborables, en horario de 10 a 14, e de 16 a 20 horas.Domingos e festivos, de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes