Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa acolle en xuño a mostra "A Illa do Santo de Pilar Pérez Abilleira

As obras da artista multidisciplinar pontevedresa están inspiradas pola poesía e a innata sensibilidade da autora
Madrid, 3 de xuño de 2014

A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid, acolle a exposición que leva por título "A illa do santo" da artista multidisciplinar, Pilar Pérez Abilleira, cuxas obras están inspiradas pola poesía e a innata sensibilidade da autora pontevedresa. A mostra poderá verse na Casa ata o 27 de xuño. O acto de inauguración correu a cargo do Coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez e nel tamén interveu a artista.

É "unha exposición de pintura construída a base de colaxes delicadas protexidas por unha delgada capa de cristal tras a que habitan mirando pasar un mundo incomprensible dende o seu punto de vista", dixo Ramón da mostra e sobre as súas obras explicou que "en realidade consisten en ideas sinxelas, ou simples, como preferiría dicir Pilar. Ideas despoxadas de aparato. Ideas mínimas pero tan plenas de contido como un haiku. Nin se quedan curtas ou preguiceiras nin se desbordan, son ideas que alcanzan coa súa escuma de mar ao nome que as identifica, ao que agarran como as ondas polas mans para incorporalo á súa substancia".

Así que son tamén "poemas visuais, barcos de papel expresamente deseñados para navegar a calquera hora do día ou da noite, mesmo nas máis cruas da tarde en que o sol esmaga o ceo contra a terra ou nas máis temerosas da noite en que mesmo a lúa se esconde", dixo o coordinador.

"Son cadros inmensos nas súas pequenas dimensións, que dan coraxe e forza e esperanza, que invitan a perdernos a través dos ollos dos seus fechos, porque ofrecen a quen sabe asomarse a elas a fermosa visión de xardíns secretos e en calma onde alcanzar a paz". Recordou Ramón a Agustina Álvarez, amiga común recentemente falecida, tamén artista, que expuxo na mesma sala hai varios anos. "Agustina foi a primeira persoa que me falou das sutís marabillas que ofrecía á obra de Pilar" e a quen dedicaron un emocionado recordo "alá onde estea en paz ao outro lado do espello e dos fechos que se non se ten a sensibilidade necesaria normalmente nos impiden ver máis alá dos nosos narices. Así que Pilar estaba predestinada a expoñer nesta Casa e nesta Sala atraída polo poderoso espírito de Agustina".

Pola súa banda, Pilar Pérez Abilleira, tamén recordou a Agustina e á súa irmá Lola, que acudiu á inauguración; "Agustina non está pero... é coma se estivese" xa que a exposición a creou a autora "pensando nos que xa non están comigo pero forman parte de min". Ademais, dixo estar moi feliz "de expoñer nesta Sala, unha capela, un lugar sagrado dentro desta marabillosa Casa, que é como unha illa galega en Madrid onde te reciben con tanto cariño que é como estar na túa propia casa". Tamén tivo un recordo para "os seus nenos" do Centro de Educación Especial de Panxón onde traballa, "cos que me une unha estreita relación, ás veces tensa pero sobre todo moi afectiva"; e para as compañeiras, "coas tantas horas e inquietudes comparto".

Títulos como "Limbo azul", "Bovolo", Pregunto por ti", "Ninguén", "Fóra do mapa" ou "Xardín xunto ao mar", son algúns cos que denomina as obras desta mostra, que ofrece retallos da súa infancia, e están elaboradas con elementos da máis variada procedencia, dende obxectos rescatados do mar, tomados da casa materna, ou atopados na rúa, como as bolboretas mortas que teñen unha segunda existencia nas súas composicións

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes