Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

"Luces, costumes y viño tinto" de Abel Barandela, na Casa ata o 31 de xullo

O artista ourensano residente en Pontevedra utiliza os pousos do viño como elemento pictórico
Madrid, 1 de xullo de 2014

"É o artista do viño e así deuse a coñecer", unha casual e curiosa incursión que fixo que moitas miradas se parasen nas súas obras. As salas B e L da Casa de Galicia, sede da delegación da Xunta en Madrid, acollerán ata o 31 de xullo a exposición "Luces, costumes e viño tinto" de Abel Barandela, artista ourensano afincado en Sanxenxo, parte de cuxa obra está elaborada con pousos de viño, tras ser tratados convenientemente por ser unha materia orgánica e polo tanto alterable.

A inauguración da mostra correu a cargo do coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez Pérez e nas súas palabras explicou as tres series que compoñen a exposición, tal e como indica o seu título: "Luces, costumes e viño tinto", diferentes tanto pola temática coma pola técnica empregada.

As creacións de Luces, situadas na sala L da planta primeira, "é unha colección de cadros coloristas que nos recordan ao fauvismo francés", dixo Jiménez. "Neles predomina a cor sobre a figura, e nalgúns intúense recantos de Galicia". En "Costumes", Barandela ofrece "o recordo próximo dos nosos avós", personaxes que viviron unha etapa dura e austera. Un pasado recente de Galicia, de cadros costumistas, e da súa colección de "mariñas", que mostra imaxes evocadoras da costa galega".

E por fin temos a serie do "viño tinto" ou, "se queren, para ser máis precisos, do "viño tinto de Barrantes", en cuxas obras apreciamos escenas relacionadas co consumo (engadamos neste punto responsable) do viño e o seu desfrute, e que participan, tamén segundo pode observarse, dun considerable costumismo", dixo o coordinador, e explicou que nestes cadros o autor emprega unha técnica novidosa, e é que incluíu na materia pictórica, e como parte fundamental, a pigmentación extraida do sedimento ou pouso do viño tinto, iso si convenientemente tratado. A esta técnica chamouna "enopintura mixta", e hai que dicir que a súa orixinalidade lle reportou unha indubidable notoriedade, pois chamou poderosamente a atención en diversos foros, e así, grazas a ela, foi nomeado "Valedor da Orde de viños tintos do Salnés no Concello de Ribadumia" ou pechou informativos de Televisión Española con estes cadros", recordou o coordinador.

Pola súa banda, Barandela explicou o xerme de cómo xurdiu a idea de pintar con viño: "Unha mancha de viño nun mantel de papel, nunha taberna rural galega, espertou o meu interese. Traballei, experimentei e fracasei unha e outra vez, ata que, daquela mancha de viño logrei que pasase a ser, se vostedes mo permiten, "arte, entre comiñas". Engadiu que ao ser material orgánico, tivo que tratalo "coa mestura de bases acrílicos, para garantir a durabilidade" dos cadros... "O resultado final foi a curiosidade duns, e o excepticismo doutros. Eu só espero que lles gusten", dixo o pintor tras os agradecementos e ofrecerse aos asistentes a explicar calquera dúbida que tivesen. De feito, o autor departiu con eles e contestou ás súas preguntas.
"Parecen tres exposicións de tres autores diferentes", comentou unha moza na sala L, coa serie colorista. Outras persoas asentiron. "Son moi distintas entre elas e se eu non o soubese, nunca podería imaxinar que todas sexan obras do mesmo pintor, dicían.

A mostra compóñena un total de 42 cadros de diferentes formatos. Deles, 21 son da serie luces; 11 de costumes e 8 de viño tinto na que utiliza os pousos do viño de Barrantes, da zona pontevedresa do Salnés, elaborado cun tipo de uva específica, coa que obtén as tonalidades desexadas.

A exposición poderá visitarse ata o 31 de xullo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, os días laborables. Domingos e festivos de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes