Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

"Disociados" de Rut Martínez López de Castro, en Madrid coas últimas creacions da artista viguesa

A mostra de pintura e gravado estará na delegación da Xunta ata o 28 de febreiro
Madrid, 4 de febreiro de 2014

A Casa de Galicia, delegación da Xunta de Galicia en Madrid, acolleu esta tarde a inauguración da mostra de pintura e gravado "DISOCIADOS", da artista e profesora de Arte da Universidade de Vigo, Rut Martínez López de Castro, cuxa obra caracterizase por achegar un forte impacto visual de cores, formas, liñas, espazos, temas e simbolismos. A exposición, que ofrece as últimas pinturas e gravados de Rut, poderá verse ata o 28 deste mes.

A presentación do acto correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, e nas súas palabras recordou que Rut expuxera nesta mesma sala en 1999, dentro dunha mostra colectiva, "así que, 15 anos despois volve con outra proposta, ao meu xuízo moito máis depurada que a primeira; e é que cos artistas de verdade, como ela, que traballan en serio, o tempo sempre se pon de parte da perfección das súas obras". Jiménez evocou unha das obras daquel momento. "Lembro unha das da Rut de entón, cunhas medias adheridas que colgaban; agora temos nesta mostra outra titulada As medias teñen memoria, e nel estas medias, quizais aquelas mesmas, fixéronse unha soa substancia co resto do cadro", dixo.

O coordinador, citando a José Vidal Urdampilleta no prólogo ao catálogo elaborado para a ocasión que a pintura de Rut é "un notable impacto visual, que nos invita a reflexionar, propónnos temas e simbolismos enigmáticos, condúcenos ao noso propio coñecemento, proporciónanos mensaxes conceptuais; e como é auténtica e profunda tamén esixe de nós unha profunda entrega".

Pola súa banda, a artista comentou que aínda que a expresión oral é a que máis lle custa, desexaba explicar por exemplo, de onde saíra o título da mostra, "disociados", que "xurdiu dunha forma impulsiva, intuitiva e natural" e que cando se achegou a internet para coñecer máis sobre a súa elección, se decatou da gran cantidade de persoas que a elixiran "para títulos de libros, de cadros, de todo". Disociados utilízase para definir algo separado, pero que antes, noutro momento estaba unido e era precisamente o que a pintora quería, "para simbolizar un cambio na miña vida, na miña biografía, con cambios moi significativos".

Comentou que "O título está baseado no carácter ecléctico da exposición e nas diferentes temáticas que conforman grupos de gravados: abstraccións paisaxísticas; pegadas e pisadas; e referencias ao ser humano".

Tamén engadiu que como muller lle interesa moito reflectir a temática que nos afecta directamente como xénero: dende certa desigualdade, aínda evidente, pasando por sometementos estéticos corporais, ata, mesmo as dificultades engadidas á hora de conseguir algo polo mero feito de ser muller, aínda que sempre dende o respecto, a tolerancia e sen esquecer o optimismo".

En relación aos gravados explicou ao público que son "P.A. proba de artista", o que significa que ela utiliza o gravado como forma de expresión pero non para facer seriacións xa que de cada obra, hai unicamente unha. "Son gravados matéricos, utilizando a técnica do carborúndum e o gravado oco. Tamén hai gravados con augaforte e ao linóleo", dixo.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes