Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Exposición "Nova Obra" de Amador García Giménez, ata o 31 de marzo

O pintor aragonés de ascendencia galega ofrece na Casa sentimentos e soños
Madrid, 5 de marzo de 2013.-

A exposición de pintura “Nova Obra”, de Amador García Giménez ocupará desde hoxe martes 5 ata o día 31 de marzo a Sala A da Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid. O artista aragonés, de ascendencia galega, e que  actualmente reside nun pequeno pobo da provincia de Segovia, preséntanos unha colección de cadros nos que ofrece os seus sentimentos cunha pintura chea de soños, seres reais e fantásticos.

A presentación da mostra correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez Pérez, quen comentou as súas impresións, tanto dende un punto de vista persoal, como espectador continuo de exposicións. "Experimento dúas sensacións en principio contraditorias ao mirar estes cadros", dixo "A primeira é a da posible angustia que o amontoamento de figuras e chismes nos cadros parece inicialmente producirme, o que vén ademais apoiado polo elevado número de obras que conforman a mostra. E a segunda sensación, que contradí a primeira, é a da paz que me chega, precisamente deste recargamento de obxectos, unha paz antiga, de anticuario, de cachivaches silenciosos amontoados que, sen voz, nos falan doutros tempos". Para Jiménez, a segunda prevalece sobre a primeira, "tanto pola abundancia dos motivos reflectidos nos cadros coma pola cantidade destes. Todo iso, e sempre como digo dende a miña percepción persoal, converterá a esta sala durante o tempo da exhibición nunha auténtica tenda de antigüidades, sobrevoada, como podemos apreciar, por ese particular pomba da paz que é o lazo. Unha figura esta tamén cun aire antigo xa dentro do mundo da papiroflexia á que pertence, dados os espectaculares avances nesta arte na actualidade".

Chaman especialmente a atención algúns títulos cos que o autor nomea as súas obras, que achegan "a serenidade do tempo ido". Sirvan de exemplo, "Os esquecidos", "O camerino", "Manequín azul", "Recordos dun espello" ou "Bodegón"...

Pola súa banda, Amador García Giménez dixo unicamente que "os cadros viven en función dos ollos que os observan" e polo tanto o seu desexo é que "o fagan a través de vostedes".
Amador García Giménez, naceu en Caspe (Zaragoza) e o seu avó paterno era de Lugo, emigrado a Andalucía, logo a Arxentina, dende onde retornou. Pintor tardío e autodidacta, prodígase pouco en exhibicións e concursos. Algunhas das súas obras encóntranse en libros e enciclopedias como a Enciclopedia Ibérica 2000, o Dicionario de pintores e escultores Españois do século XX, o Libro Del arte no Senado, o Libro Arte en Castela e León, entre outros.

A crítica destacou na produción de Amador a profundidade que alcanza a base de superposicións e expresionistas mesturas cromáticas e tamén o marcado predominio da cor. É ademais un creador de mundos, un artista sensible e virtuoso, cun gran dominio técnico".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes