Asinado o convenio para a creación do "Campus Internacional de Deporte de Tui"

O acto, que se celebrou na delegación da Xunta en Madrid, contou coa asistencia de numerosas personalidades do deporte que apoian a iniciativa
Madrid, 16 de maio de 2013

A firma do acordo de colaboración entre a Asociación "Cultura, Deporte e Desenvolvemento" e o Concello de Tui para a creación do Campus Internacional do Deporte de Tui (Cidetui) realizada esta mañá na delegación da Xunta de Galicia en Madrid, ten como finalidade a posta en marcha dun centro educativo habilitado para impartir as ensinanzas que permitan a obtención do título de Técnico Deportivo e Técnico Deportivo Superior. No acto Interviñeron, ademais do delegado da Xunta, José Ramón Ónega; S.A.S. Nora de Liechtenstein, presidenta do "Premio Internacional á Solidariedade no Deporte" e vicepresidenta de Deporte & Desenvolvemento; o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez; e o presidente da Asociación "Deporte, Cultura e Desenvolvemento", Miguel F. Rodríguez Álvarez. Contou tamén coa asistencia e apoio de numerosos deportistas e personalidades deste ámbito, como Enrique Hernández de Anef; o ex xogador de fútbol Francisco Carrasco "Lobo Carrasco"; o ex xogador de baloncesto Joe Arlauckas; o tamén ex xogador de fútbol, Lorenzo Sanz e o navegante, Álvaro de Marichalar, entre outros.

Nas súas palabras, e tras os saúdos de rigor, Ónega citando a Giraudoux, dixo que "o deporte é o esperanto das razas, e é por iso certo que se trata dunha actividade humana que traspasa fronteiras, penetra culturas e marca espazos de relación entre razas e pobos".

Miguel Rodríguez, deu paso a un pequeno vídeo no que se mostraron con imaxes parte do labor que a Asociación que preside realiza con numerosos pobos de países como Brasil ou Costa de Marfil, "ofrecendo polo deporte unha oportunidade a miles de rapaces".

Para Moisés, é "unha honra que unha pequena cidade como Tui albergue este Campus xunto con Valença, coa que compartimos servizos para non duplicar recursos", e aproveitou tamén para invitar aos asistentes a desprazarse e descubrir a zona "pois está chea de atractivos".

Pola súa banda, Nora de Liechtenstein, que non coñecía a Casa e mostrouse gratamente sorprendida, dixo que "a educación é a base do futuro e se ademais está combinada co deporte, que os atrae enormemente, estamos a abrir un camiño de esperanza para moitas persoas e lugares".
Nunha primeira fase está previsto que o Campus Internacional imparta ensinanzas de grao medio en dous ciclos. Nunha segunda fase farano de forma presencial e online. CIDETUI terá unhas características específicas: a) Alta calidade do ensino, incluída a creación dunha Universidade Virtual. b) Clara vocación internacional, co apoio dos Centros Galegos repartidas nos diferentes países. c) Este proxecto será "motor importante" dos proxectos sociais que teñen previsto desenvolver, podendo culminar cun CEDI en Tui. d) Educación en valores tanto deportivos coma humanos, que dean grande importancia á persoa e o seu desenvolvemento como tal e ao deporte como disciplina de competición cos seus valores.

A creación deste Campus Internacional do Deporte de Tui nace ante a nova lexislación en materia de cultura física e deporte que produce un cambio substancial na titularidade da competencia para expedir as correspondentes titulacións en materia deportiva asignándolle esta competencia ao Consello Superior de Deportes e, no seu caso as Comunidades Autónomas. A Asociación Deporte e Desenvolvemento, promove a todos os niveis -iniciativa pública ou privada- actividades relacionadas coa práctica do deporte, a cultura e a cooperación ao desenvolvemento. Dedica principalmente os seus esforzos ao fomento do deporte e a cultura entre os/ás nenos/ás e mozos de países en vías de desenvolvemento. En concreto, trabállase usando o deporte como ferramenta de escolarización e medio de integración social.

Segundo palabras do seu alcalde, para o Concello de Tui a firma deste convenio que establece unha inicial declaración de intencións "abre a porta a un ilusionante proxecto educativo e de formación en materia deportiva. As expectativas e interese que suscita a creación deste Campus de Deporte de Tui son moi altas pois marca unha iniciativa pioneira en España cunha proxección internacional".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes