Ius Publicum Innovatio, spin-off da Universidade de Coruña, asina un convenio co Parlacen para o intercambio de experiencias científicas e académicas

Na sede da Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia
Madrid, 3 de maio de 2019.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu nas súas instalacións a firma dun convenio marco de colaboración entre Ius Publicum Innovatio (IPI), spin-off da Universidade da Coruña, e o Parlamento Centroamericano (Parlacen). O convenio, que foi asinado pola presidenta do Parlacen, a deputada Irma Amaya, e o presidente de Ius Publicum Innovatio, o catedrático de Dereito Administrativo Jaime Rodríguez-Arana, pretende facilitar espazos de reflexión e consulta sobre a necesidade de fortalecer o proceso de integración centroamericana de maneira integral a través do intercambio de experiencias científicas e académicas. Ambas as partes foron recibidas polo delegado da Xunta, José Ramón Ónega, quen lles felicitou pola iniciativa.

IPI é unha entidade xurdida da Universidade que ten por obxectivo transferir os resultados da investigación académica no marco do Dereito Público dos profesores que a integran á sociedade a través de asesoramento xurídico innovador. Desde esta entidade proporciónanse solucións e respostas xurídicas en asuntos de elevada complexidade en materia de Dereito Administrativo e Ciencias da Administración Pública.

O seu fundador, Jaime Rodríguez-Arana, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, como os seus membros, contan cunha sólida formación científica que contribúe de forma directa á ampliación dunha cultura de emprendemento e confórmase como unha ferramenta de vinculación coa sociedade.

O Parlamento Centroamericano é o órgano de representación democrática e política dos pobos centroamericanos e dominicano, que exerce as funcións parlamentarias do Sistema Comunitario de Integración Rexional, que pretende alcanzar a unión dos pobos que o integran. A súa principal misión é exercer un liderado eficaz e democrático entre os distintos sectores rexionais que, dentro do desenvolvemento sustentable, fomente a construción gradual e progresiva da Unión Centroamericana e de República Dominicana conformando unha sociedade moderna, xusta e solidaria que garanta o respecto aos dereitos humanos.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes