Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

José Ramón Ónega recibe a homenaxe das Colectividades Culturais e Profesionais Galegas en Madrid

No acto interviñeron representantes de todas as asociacións e entre os asistentes atopábanse o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría; o alcalde de Alcobendas, García de Visuesa; a viceconselleira de Sanidade, Belén Prado...
Madrid, 3 de xullo de 2014

O delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López, recibiu onte unha cea homenaxe que lle ofreceron as diferentes asociacións culturais, profesionais e centros galegos da Comunidad de Madrid. Mais dun centenar de persoas déronse cita no salón panorámico do piso 30 da Torre Eurostars, como demostración do  "afecto, cariño e admiración", palabras que se repetiron nas intervencións dos representantes de todas e cada unha das institucións convocantes. Ónega recibiu unha placa conmemorativa coas bandeiras de Madrid e Galicia e un diploma acreditativo do emotivo acto.

O salón, coas mellores vistas de Madrid, inundouse dos sons do grupo de gaitas do Centro Galego de Madrid, mentres chegaban todos os asistentes, entre efusivos saúdos e fortes abrazos. Mesmo se desprazaron ex profeso dende Lugo un grupo de amigos que non quixeron deixar pasar esta ocasión para unirse á homenaxe.

"Home de boa fe e xeneroso; afectuoso; dilixente e intelixente; culto e de pluma áxil; amante da súa terra; humano, mesmo "demasiano humano"... foron algúns dos cualificativos que lle dedicaron nas súas palabras os representantes das colectividades, porque "a homenaxe é das asociacións para agradecerlle todo o que fixo, fai e esperamos siga facendo por nós, a súa actitude, o seu apoio e o seu bo facer, para con todos", dixo Elias Rodríguez locutor lucense  e condutor do evento.

No acto interviñeron: Fernando de Castro, presidente do Centro Galego de Madrid; Fernando Gómez, de Xuntanza de Galegos en Alcobendas; Carlos Lema Devesa, da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid, (IURISGAMA); Pilar Falcón, do Club de Xornalistas Galegos en Madrid; Julio Lage, da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, (AEGAMA); Enrique Santín, da Orde da Vieira; e Ovidio Cadeas, da Federación de Asociacións  Galegas en Madrid, (FAGAMA), na que se agrupan preto dunha vintena de centros galegos e asociacións de toda a Comunidad de Madrid. Nas palabras que cada un deles foron pronunciando latexaba unha idea en común, "o desexo de demostrar a José Ramón Ónega o agradecemento e o afecto polo seu bo facer coa colectividade galega que reside de Madrid".

Tamén se uniron á homenaxe Fernando Ónega, o seu irmán; e en nome da Xunta, o director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Gonzalo Ordóñez Puime.

Entre os asistentes atopábanse: o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría; o alcalde de Alcobendas, García de Vinuesa; a viceconselleira de Sanidade, Belén Prado; os diplomáticos Pablo Bravo e Alfonso Portabales; Núñez Morgades; Paloma Romero;Pérez Vázquez; Alfonso Palomares; Ordóñez Puime e Rodríguez Miranda en representación da Xunta de Galicia, así como un longo etcétera de personalidades e amigos.

Pola súa banda, José Ramón Ónega, que mostrou sorprendido, tanto polos discursos como pola multitudinaria asistencia, quixo, ademais de dar as grazas, expresar con "calidez e profundidade" os seus sentimentos. "As palabras están para demostrar o afecto, potenciar a amizade e entregar o corazón. Permitídeme que, polo menos, vos confíe a satisfacción que me embarga ao tervos como amigos e paisanos. Os galegos cando entregamos o corazón é para sempre. Somos recios para sentir, confiados na entrega e persistentes na amizade. Todos e sen excepción. O sentimento como pobo levámolo tan enraizado dentro de nós que parece unha enfermidade. Pero non o é. Non é unha enfermidade: é unha paixón. Unha paixon incontida, desbordante e perpetua", dixo.

Tamén fixo un rápido percorrido pola súa traxectoria vital: "Chéganme á memoria aspectos da miña vida que me gustaría evocar. Participei da vida universitaria en Compostela, exercín un tempo a avogacía, fun nomeado Gobernador Civil de Zamora e de Biscaia e, dende 2004, cóubome a honra de introducir reformas importantes na estrutura administrativa do Estado. Xa xubilado, o presidente Núñez Feijóou tivo a ben designarme Delegado da Xunta e Director da Casa de Galicia en Madrid, e aquí estamos a traballar un pouco por Galicia... onde procuro servir os intereses da nosa patria moza, añorada, como mellor podo e sei". 

Noutro momento señalou que "todos os días dádesme mostra de voso aprecio pero hoxe pasástesvos"; e concluiu cunha cita de, Aristóteles: ""A amizade é unha alma que habita en dous corpos, un corazón que habita en dúas almas". Aquí, que somos moitos, a amizade é un agasallo fermoso e eterno que me facedes.   Unha aperta forte, inmensa e agradecida. Viva Galicia!", dixo para rematar.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes