Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

"Naturalismo Poético" de Marcial Ortiz, na Casa ata o 29 de abril

O pintor coruñés recrea paisaxes rurales, vellos muiños e temas taurinos
Madrid, 1 de abril de 2014

A exposición "Naturalismo Poético" do pintor coruñés Marcial Ortiz que poderá verse ata o día 29 deste mes na Sala B da delegación da Xunta en Madrid, Casa de Galicia, está formada por case unha trintena de obras que recrean vistas rurais, vellos muíños, montañas, paisaxes con ríos e recantos galegos de grande beleza e frescura, sen esquecer os cadros que dedica tamén aos temas taurinos, pola súa grande afección o arte de cúchares.

No acto de inauguración interviñeron: o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez; o médico, presidente de Bibliófilos de España e director da aula de tauromaquia, Rafael Cabrera Bonet; e o propio autor, Marcial Ortiz.

Nas súas palabras Jiménez recordou que esta é a segunda vez que Ortiz nos visita coa súa pintura, "pois xa o fixo hai 10 anos, casualmente tamén no mes de abril, cunha mostra titulada -e isto non creo que sexa casualidade- El naturalismo poético, tema como vemos no que segue insistindo a través dos anos con admirable perseveranza e, na miña opinión, na mesma liña da súa dozura". Jiménez evocou as palabras que escribiu para o prólogo do catálogo o tamén pintor e debuxante galego, Manuel Quintela, cando sinala que "a arte poético-pictórico de Marcial, que antes de expresarse cos pinceis xa sente e se emociona liricamente". E que é un artista que "domina todos os xéneros pictóricos: os bodegóns, as mariñas, os nus e os retratos", sendo na súa opinión "o mellor pintor actual en España, en canto a escenas taurinas".

Para Cabrera Bonet, "Marcial ademais de amigo é un afeccionado aos touros de verdade, algo que viviu na súa casa dende a máis tenra infancia". Ambos os dous comparten polo tanto, "amizade, pintura e amor polos touros". Cabrera fixo un rápido repaso pola súa traxectoria pictórica, "que descubriu sendo moi neno ao que xa entón outorgaron varios premios" e cuxa pintura definiu como "a paisaxe de sempre, que foxe de artificios e se percibe tal como é". Son cadros que ao velos "fannos vivir, sentir os olores e trasladarnos ao lugar". O presentador analizou tamén o tratamento que Marcial Ortiz fai da luz, segundo as horas, dende a neboenta da mañá, que se vai disipando pouco a pouco conforme pasa o tempo; a brillante do medio día, que ofrece a riquísima gradación de matices e tonalidades do verde que "emocionan a alma e o coñecemento"; e a do atardecer, ata a penumbra, chea de misterio que evoca quizais máis alá, seres máxicos galegos que todo o envolven".

Noutro momento das súas palabras, Cabrera sinalou que Ortiz "é capaz de pintar o aire que se respira e se toca", algo só posible cando existe un sólido dominio do debuxo que é a base na que se apoian e van medrando as imaxes, as cores, os reflexos, o volume... É algo que moi poucos pintores en España son capaces de plasmar nun lenzo e Ortiz está entre eles". E finalizou dicindo que estes cadros, “fannos  vivir e revivir a Galicia de sempre".

Pola súa banda, Ortiz aludiu a que "os pintores non deberían falar", porque a súa pintura o fai por eles, pero explicou como é o seu proceso creativo, sempre ao natural. É a razón pola que os óleos non son moi grandes, pois debe trasladalos cada día ata o lugar elixido, con todo o material. E citou a Belmonte cando dicía "eu non vou aos touros a divertirme, vou a emocionarme. A min pásame igual cando vou pintar. Vou pintar non para divertirme, senón para emocionarme", e desexou ser capaz de transmitir cos seus cadros, aos que os vexan, "algo diso tan intenso que eu sinto cando os pinto".

A mostra de Marcial Ortiz poderá visitarse ata o 29 de abril, de luns a sábado, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00; domingos e festivos de 10:00 a 14:00.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes