Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Caino expón en Madrid "As cores da memoria"

O artista pontevedrés mostra a súa obra na delegación da Xunta ata o 26 de abril
Madrid, 2 de abril de 2013

A sala A da delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a inauguración da mostra de pintura "AS CORES DA MEMORIA", do artista de Baiona, Claudio Vasconcelos Caino, un pintor de formación autodidacta que persegue a harmonía e a tenrura para plasmala nos seus cadros, especialmente nas caras que evocan as do mestre Mateo no Pórtico da Gloria

Na presentación, o coordinador de actividades da Casa, Ramón Jiménez recordou que Caino xa expuxera na Casa no ano 1998, e agora ofrece a súa evolución cara a formas sublimes e cores vitais. "Caino é un artista incesante, deses cuxa alma destila sen tregua inquietudes, que é o caso, comunica aos demais mediante a súa plasmación no lenzo". Para Jiménez, o xeito que ten Caino de expresar o seu mundo interior imparable é "tenro, alegre e colorista". Comentou que xa o era antes, pero “paréceme que actualmente a presenza da tenrura na súa obra é maior, e a cor tamén, e esta policromía de agora confire, ao meu xuízo, unha alegría maior aos seus cadros".

Chamaron a atención do coordinador da Casa as caras de Caino nas que o pintor encontrou o seu propio selo e se converteu en "un gran especialista". Neste sentido sinalou que "son os rostros da xente da súa terra, os mesmos nos que se inspirou Mateo, o mestre de Compostela, para esculpir os das figuras do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago. Pois Mateo escolleu representar deliberadamente as caras do Pórtico coa maior humanidade e naturalidade posible, para inspirar confianza nas xentes no seu achegamento a Deus, ao contrario do que outros fixeran ata entón neste tipo de obras relixiosas, que era representalas con autoridade e fereza para os efectos de provocar o maior temor posible nos fieis. De modo que Caino segue os pasos do mestre Mateo e colorea as meixelas das caras dos homes e mulleres que representa coa humildade e sinxeleza propias da bondade".

Nos seus cadros aparecen tamén os seus cans "Naliña" e "Moneco", que son "a tenrura personificada ou perrunizada", dixo Jiménez, pois "independentemente de que o carácter de Moneco xa fose así o caso é que, dende que Caíno o recollese da rúa gravemente ferido, e non contar na actualidade máis que con tres patas, a súa fidelidade ao seu dono é xa proverbial en toda Baiona”, unha historia que tamén fala da tenrura do autor, o que sen dúbida se transmite aos seus cadros, “esta sensación de benestar que estou seguro experimentan vostedes tanto como eu ao contemplar estas obras".

Pola súa banda, Caino, tras os agradecementos, dixo que o seu desexo era achegar a esta sala "unha ventá" da súa vida e o seu universo pictórico con temas que deixaron pegada no seu camiño. Entre os seus favoritos está a libre interpretación que fai dos carnavais, as romaxes, as festas, os mercados ou “as miradas dos nenos ao mar, á tenrura o amor e á alegría da miña terra e da miña xente", que el pinta na soidade do seu estudo.
A mostra poderá visitarse ata o 26 de abril. O horario dos días laborables é de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festas de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes