Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A exposición pictórica "Recantos de Galicia" de Eduardo Casal Barreiro estará ata o 28 na delegación da Xunta en Madrid

O artista pontevedrés que retornou á súa terra despois de máis de tres décadas, ofrece na Casa paisaxes rurais, ríos, bosques, mariñas e cidades de rúas empedradas...
Madrid, 9 de setembro de 2014

A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid, acolleu esta tarde a inauguración da mostra pictórica "Recantos de Galicia" de Eduardo Casal Barreiro, emigrante retornado de Uruguai despois de 35 anos que trae a Madrid unha exposición repleta de paisaxes rurais, ríos, bosques, mariñas e cidades de rúas empedradas. Casal, que se inspira directamente na natureza que agora o rodea, fai que as súas obras xurdan dun impresionismo trazado con pinceladas precisas e coloristas. A exposición poderá verse ata o día 28 deste mes en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, os días laborables. Domingos e festivos de 10 a 14 horas.

No acto de inauguración interviñeron o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez Pérez e o propio autor. Jiménez comentou nas súas palabras algúns retallos da vida de Eduardo Casal, "natural de Barcia de Mera-Covelo, en Pontevedra e que moi novo, acabado de casar, emigrou ao outro lado do océano, concretamente a Uruguai, co fin de emprender unha nova vida pero sen abandonar a pintura, á que xa se dedicaba dende os 20 anos porque o atraía enormemente envorcar nas súas teas ese idioma sen palabras, que é a Natureza de modo que se hai persoas que se expresan coa palabra, coas mans e mesmo hai quen fala cos ollos, o noso artista invitado fálanos coa súa pintura".

Tamén resaltou o coordinador que "Eduardo Casal pinta a vida e á vida, e por iso pinta para nós. Nos seus cadros reflicte o ámbito que lle rodea cotiamente, a natureza de Galicia, á que hai tempo que regresou xa para instalarse nela definitivamente". Reparou ademais en que "hai moitos anos, en Uruguai, cando era máis novo, a prensa dicía que nas súas pinturas, de estilo figurativo, sempre aparecían figuras humanas, pois un cadro sen un ser humano perde calor e vida. Tamén afirmaba entón que os seus pintores favoritos eran Velázquez e Rembrandt, e manifestaba unha preferencia polos tons escuros porque consideraba que ofrecían maiores posibilidades de expresión". Agora "moitos dos seus cadros son paisaxes e neles non se aprecia a figura humana, e si unha marcada tendencia cara ao impresionismo", dixo e solicitou ao autor unha explicación "se é que o sabe, pois moitas veces estas cousas acontecen pero son inexplicables". Neste sentido, e citando a Kandinski, a propósito da espiritualidade na arte, que "a harmonía das cores debe basearse unicamente no principio do contacto axeitado coa alma humana", e chamaba a esta base principio da necesidade interior e é posible que Eduardo Casal, pintor autodidacta sentise sempre unha necesidade de comunicar a vida -é dicir a alma- mediante os pinceis.

Para Eduardo Casal a explicación é moi sinxela. "Eu pinto o que vexo. Cambiei o ámbito e por iso cambiei a miña pintura", dixo. "Con frecuencia os pintores cambian e evolucionan. A min tamén me pasou. Agora aínda que pinte paisaxes imaxinarias, poden estar en calquera recanto do meu ámbito".

Entre os asistentes estaba o xornalista galego Jenaro Castro, que se declarou admirador das paisaxes de Casal, ao que coñeceu hai anos nunha exposición en Sanxenxo. "Xa entón chamoume a atención aínda que pintaba máis paisaxes urbanas e era a idea que eu tiña. Pero estas rurais sorpréndenme moito", asegurou; "son como bafaradas de Galicia no espírito".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes