Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Inauguración da mostra de Mercedes Lence

05/11/2013

A sala A da Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid acolleu esta tarde o acto de inauguración da mostra "Ven, mar, ven", da artista de Vigo, Mercedes Lence. Na exposición pode verse a evolución de Lence, pintora de longa traxectoria, cuxas obras están protagonizadas pola auga, area, e terras ocres xunto coa súa persoal visión dos mares de Galicia, calmo, salvaxe, ceibe...

No acto interviñeron o coordinador de actividades da Casa, Ramón Jiménez; o comisario de exposicións e crítico de arte, Jaime Lavagne, encargado de realizar a presentación, e a propia autora, Mercedes Lence.
 
Jiménez dixo que Lence é "unha artista á que lle interesa enormemente a Natureza e por ende o mar, ao que coñece non vou dicir que como a palma da súa man, pero si o mellor posible, dentro da dificultade que entraña este coñecemento do que fala con mestría insuperable Joseph Conrad no seu ensaio El espello do mar,". O coordinador dixo que Mercedes, ao igual que Conrad "tamén navegou e sabe da forza deste elemento fermoso e terrible", do que "nos transmite a súa experiencia nos seus lenzos". Non hai un único mar Atlántico, no que Lence está especialmente versada. Hai miles e ela interprétaos dunha forma moi afastada das clásicas mariñas.
 
Para Jaime Lavagne, Mercedes, á que coñeceu en Portugal hai case vinte anos, "é unha muller polifacética e vital, que transmite paixón e xenerosidade a calquera faceta na que se aplica, dende os seus proxectos en África ata a súa dimensión humanística cos máis necesitados,". Como artista plástica, "a súa pintura de mares e océanos é unha constante mantida ao longo de décadas. A súa motivación pola luz e o tratamento da atmosfera exalta e desenvolve unha asimilación dos valores táctiles da pintura, as cores da auga e o mar en movemento. Con mestría e inspiración transfírenos -nesta a súa segunda mostra en La Casa de Galicia- unha serie nova de cadros mariños de elevada inspiración".
 
Tamén sinalou o presentador, que "Lence exalta unha variedade de rexistros apreciables en diferentes soportes -cartón, liño, papel ou arpilleira- e técnicas: dende un velado realismo en cadros como ondas en Sayanes,-con reminiscencias a un macro de onda sorollesca- ou Tormenta, ata o expresionismo bronco de Ven, mar, ven ou do soberbio Navegando, unha evocación ao trazo de Willem de Kooning, probablemente as dúas pezas máis emocionantes da mostra".
 
Para a artista a base do enfoque da súa obra son "ideas e experiencias vividas que se engarzan como unha cadea". Nesta ocasión "é o mar, as súas caras, o seu vibrar, a súa vida e seres vivos narrando historias... ". Neste sentido, séntese identificadas con Chagall A.Vendet, cando dicían que "Arte é un tecido vivo, feito de todos os sonos, todos os pensamentos, todas as experiencias... ".
 
A súa inquietude vital é a que lle impide concentrarse continuamente nun mesmo motivo. "É a que me fai escapar desa espiral sen saída que supón traballar nun só tema. Identifícome coa idea de liberdade de Hülheim, pensar que a verdade habita en moitas verdades".
 
Ademais, gústalle imaxinarse a outros considerando a súa obra "como a vista" dende unha ventá aberta ao mar, valorando, reflexionando, preguntándose, emocionándose.
 
A mostra poderá ser visitada ata o 29 de novembro en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes