Cerca de 200 medios e profesionais acoden hoxe á Casa á presentación e cata dos viños ourensanos da D.O. Monterrei

A delegación da Xunta acolleu a xornada de promoción dentro da súa política de apoio ás iniciativas económicas na capital de España
Madrid, 22 de xullo de 2015

A Casa de Galicia en Madrid acolle hoxe a presentación en Madrid dos viños da Denominación de Orixe Monterrei dirixida a prensa especializada e profesionais do sector, -máis de 200 confirmacións- que consiste nunha xornada de cata -en horario de mañá e tarde- de 51 marcas da colleita 2014, todas elas pertencentes a 20 adegas amparadas pola D.O. Monterrei, e organizada en colaboración coa Asociación Madrileña de Sumilleres.
Unha espectacular imaxe do lagar milenario de granito de Oimbra, (Monterrei), tamaño natural, foi o escenario no que se desenvolveu o acto de presentación no que interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega López; o enólogo Luis Paadín autor da "Guía de Vinos, Bodegas y Destilados de Galicia", a presidenta da D.O. Asunción Rodríguez Zarraquiños, e a presidenta da Asociación Española de Xornalistas e Escritores do Viño (AEPEV) Isabel Mijares. 

Ónega, deu a benvida a todos os asistentes e organizadores aos cales recordou que "a Casa está sempre aberta para desenvolver xornadas de promoción, porque dentro dos nosos obxectivos está o apoio en Madrid aos produtos e empresas galegas, como ben sabedes porque non é a primeira vez que temos o pracer de vernos", dixo, e engadiu citando a Wycherley que "o viño nos dá a liberdade e o amor nolo quita. O viño fainos príncipes e o amor mendigos".

Paadín recordou nas súas palabras que a vide entrou en Galicia precisamente por Monterrei e "agora Monterrei quere embotellar a súa paisaxe, xa que as peculiaridades dos seus viños son o auténtico reflexo da zona". Segundo Paadín "os viños da D.O. Monterrei teñen a súa propia personalidade e traémolos a Madrid para ofrecer a tantos profesionais a posibilidade de que poidan coñecelos e descubrilos.

A presidenta da D.O. Asunción Rodríguez Zarraquiños puxo en valor a enorme potencialidade dos viños que se situaron un total de 13 veces, dende o ano 2007, entre os mellores brancos e tintos de Galicia, de feito o viño Gargalo Treixadura & Albariño, un dos brancos presentes na mostra, foi elixido recentemente como mellor branco de Galicia, segundo os resultados do concurso de catas que promove a Xunta.

Pola súa banda, Isabel Mijares, persoa de referencia no mundo do viño, destacou a acollida que dispensa a Casa a este produto e o seu labor de difusión, que no caso de Monterrei é moi importante porque é aínda moi descoñecida. "¡Non volos gardedes en Monterrei porque se merecen que tamén en Madrid os gocemos! ", comentou dirixíndose á presidenta da D.O.

Este acto conta coa colaboración da Asociación Madrileña de Sumilleres -cuxo presidente Javier Gila acudirá no horario de tarde-, e está enmarcado nunha iniciativa de promoción itinerante dos viños da D.O. Monterrei, que ten previsto percorrer varias cidades de España. Ata o momento fixérono en Santiago e Madrid.

A cata desenvólvese en horario de mañá (de 11 a14) e tarde (18 a 21horas), está dirixida por Paadín e realizada como "Túnel do Viño", só aberta aos profesionais que previamente tiveron que acreditarse, o que garante que as que acoden son realmente persoas que ou ben son de medios ou de empresas relacionadas co sector.

 A Denominación de Origen Monterrei é unha das cinco denominacións galegas. Confórmana 24 adegas do val de Monterrei, que abrangue os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Ríos, Oimbra e Castrelo do Val. Un total de 467 hectáreas de territorio nas que traballan 381 viticultores. En 2014 a produción total da D.O. alcanzou os 2,8 millóns de quilos de uva. Máis información: http://www.domonterrei.com/ info@domonterrei.com/ info@servino.net

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes