O delegado da Xunta, José Ramón Ónega, participou na 7ª Edición do Nadal Galego en Madrid

A celebración foi organizada polo Club de Xornalistas Galegos en colaboración coa Xunta de Galicia
Madrid, 11 de decembro de 2018.

O delegado da Xunta e director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, participou onte á noite na celebración da 7ª Edición do Nadal Galego en Madrid que tivo lugar no madrileño Teatro La Latina organizada polo Club de Periodistas Gallegos en Madrid, que preside a xornalista lucense Pilar Falcón, en colaboración coa Xunta de Galicia. O acto contou coa presenza de, entre outros, o subdirector xeral de Emigración e da Comunidades Galegas da Xunta, Antonio Casas Calviño.

"Este é un acto de amizade, de afecto, de confraternidade, de amor á nosa terra galega, en datas tan entrañables como as de Nadal. Tamén de triunfo e de gloria. Porque os galegos chegamos a Madrid demandando acollemento e hoxe somos pobo admirado, solemne, cheo de valores e virtudes. Ocupamos todas as instancias importantes do país e non presumimos de iso", expuxo Ónega na súa intervención ante os numerosos asistentes á celebración.

"Os galegos somos, en efecto, un pobo digno e laborioso, exemplo de traballo e amizade. Galicia, a nosa terra, é pródiga en altos valores. Somos brillante estrela de Occidente. Galicia é paraíso e fermosura. Galicia é amor, soño, eterno verdor. Di a lenda que Deus descansou, despois de crear o ceo e a terra, e puxo a súa man dando lugar ás Rías Galegas", engadiu, lembrando ademais a soadas figuras "que Galicia regalou á cultura de Occidente", como Rosalía e Valle Inclán.

A 7ª Edición do Nadal Galego en Madrid contou coas actuacións musicais da Coral da Xuntanza de Galegos en Alcobendas, a actuación da Agrupación Vagalume de Álcala de Henares, a cantante Lucía Pérez, a Banda de Gaitas do Centro Galego do Noroeste de Madrid e a soada banda de gaitas Lume de Biqueira.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes