Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa de Galicia en Madrid, distinguida pola Enxebre Orden da Vieira co Trofeo Galeguidade 2019

O delegado da Xunta recolleu a distinción o sábado 23 na celebración do Quincuaxésimo segundo Capítulo Xeral da entidade
Madrid, 24 de marzo de 2019.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia foi distinguida pola Enxebre Orde da Vieira co Trofeo Galeguidade 2019 a persoa xurídica, que foi recollido o sábado 23 de marzo polo delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega, no transcurso do Quincuaxésimo segundo Capítulo Xeral da entidade, que se celebrou durante unha prolongada velada nun coñecido hotel de Madrid. No acto participaron, entre outros, o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, que fixo entrega do Trofeo, o presidente da Asociación Cultural da Vieira -soporte xurídico da Enxebre Orde da Vieira-, Enrique Santín, e o seu coordinador, Carlos de Blas, así como os membros do seu Consello; entre os numerosos asistentes achábase o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

 

"Con case 30 anos de intensa actividade, está considerada como o mellor referente de Galicia na capital de España. O seu prestixio foise incrementando, especialmente nos últimos anos, como un formidable escaparate de Galicia en Madrid. Todo isto contribuíu á especial simpatía que Galicia suscita na sociedade madrileña", argumenta a Enxebre Orde da Vieira respecto a a Casa de Galicia no ofrecemento da súa distinción, acordada por unanimidade do seu Consello.

"O máis transcendente de cada un dos capítulos que celebra ano tras ano a Enxebre Orde da Vieira é que escenifica a universalidade da intelectualidade de Galicia, ás veces intanxible, que deixa a súa pegada en cada recuncho do planeta, e que xeran un sentir común que nos fai ser cidadáns do mundo, tendo presente sempre a nosa galeguidade, e poñendo sempre os valores de Galicia ao servizo das boas causas e de cada país e de cada terra que nos acolle", sinalou Rodríguez Miranda. Estas reunións "fannos ver, ademais, cuán necesarios son nestes momentos estes valores galegos para axudar a pasar esta etapa que está a vivir o Estado español, e que evidencia que, canta máis diversidade, maior capacidade ten un país e retos máis importantes pode afrontar de xeito conxunto, porque será capaz de responder a calquera condicionante por diverso tamén que sexa", engadiu o responsable de Emigración de Galicia.

A Orde da Vieira, cuxo orixe se remonta a 1967 co obxectivo inicial de axuntar e interrelacionar aos galegos afincados en Madrid para apoiar todo o relacionado con Galicia, réxese polo lema "Lembranza e amistade", baixo o que aglutina xa a máis dun milleiro de significados galegos de todo o mundo. O seu acto anual máis significativo é o Capítulo Xeral Ordinario que celebra ao redor das datas de entroido, no que se dan cita non só os máis destacados galegos de Madrid, senón tamén doutras comunidades autónomas, da propia Galicia e de varios países de catro continentes, especialmente de Europa e América. A parte máis solemne dos Capítulos da Orde é a entrega dos Trofeos Galeguidade, máxima distinción da Orde, que outorga cada ano a unha persoa física, a unha persoa xurídica e a un medio de comunicación social. Outorga tamén os premios Madrigallegos de Ouro e a Vieira de Honra á Calidade Artística.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes