Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación en Madrid do libro "Testigo y parte de la historia reciente de Galicia", de Víctor M. Vázquez Portomeñe

No acto interviñeron o presidente do Consello de Estado Romay Beccaría; o sociólogo Octavio Uña, e o editor Francisco Rodríguez Iglesias, ademais do delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega
Madrid, 24 de setembro de 2014

A delegación da Xunta, Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación en Madrid do libro "Testigo y parte de la historia reciente de Galicia", de Víctor M. Vázquez Portomeñe, publicado por Hércules de Ediciones e no que a xeito de biografía, o autor fai un repaso polos momentos, os sucesos e as persoas que marcaron a súa vida, familia, amigos e compañeiros de política, tanto aliados como adversarios.

No acto -ao que asistiron diferentes personalidades como Juan José Laborda-, interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega López; o editor Francisco Rodríguez Iglesias; o catedrático de Socioloxía da universidade Rey Juan Carlos Octavio Uña Juárez; o presidente do Consello de Estado José Manuel Romay Beccaría; e o propio autor, Víctor M. Vázquez Portomeñe.

Tras as súas palabras de saúdo e benvida, Ónega destacou que Portomeñe é "máis que un historiador", xa que foi "intérprete e actor" da etapa que lle tocou vivir. "É o mago que transformou unha realidade social e política. Foi testemuña e parte, promoveu o Xacobeo, volveu inventar o Camiño de Santiago e fixo políticas que aínda hoxe perviven", dixo.

Pola súa banda, o editor Francisco Rodríguez Iglesias sinalou que se sentía moi satisfeito co libro e evocou a familia do autor, unha nai coraxe, que sendo viúva foi capaz de dar estudos aos seus catro fillos e dedefinió a Portomeñe como "o Suárez galego", ademais de "o mellor conselleiro que tivo Galicia".

Octavio Uña, -de orixe zamorana que recordou o seu amor por Galicia, en cuxa universidade de Compostela foi profesor e gañou a súa cátedra-, cualificou o libro de "imprescindible para entender a transición galega" e agradeceu ao autor o seu "persoal visión, honesta e dende dentro". "A historia fixérona individuos e este libro é proba dixo", sinalou.

Beccaría, que encheu a súa exposición de vivencias persoais e anécdotas cheas de retranca, comentou entre outras cousas que "para moitos, Portomeñe é o outro Pío Cabanillas, pero hai unha diferenza. Portomeñe amaba os púlpitos e Pío as sancristías".
Mentres, Portomeñe sinalou que despois de seis anos de abandonar a política quería "deixar constancia dos feitos, os nomes, os lugares e os porqués" dos últimos corenta anos da Historia de Galicia, "unha forma de pechar unha longa etapa da miña vida, os meus recordos plasmados negro sobre branco, coa sinceridade que me ditou a consciencia".
Tras unhas pinceladas sobre a Transición, o libro analiza o proceso preautonómico e as primeiras eleccións autonómicas. Despois detense nos avatares dos diferentes gobernos (de Fernández Albor a Núñez Feijóo), con especial fincapé na "Era Fraga", nas entrañas da política galega e "no desenvolvemento dos acontecementos que todos coñecemos, aínda que non teñamos toda a información sobre estes".

A realización desta obra obedece á necesidade que sentía o autor de "contar a historia da que fun testemuña e que escribimos todos os galegos, dende que me asomei ás responsabilidades públicas".

 

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, avogado e funcionario da Administración Local, viviu en primeira persoa a construción da Autonomía galega: foi conselleiro preautonómico, participou na redacción do "Estatuto dos 16", de novo conselleiro con Fernández Albor, deputado autonómico nas catro primeiras lexislaturas, voceiro do Grupo Parlamentario Popular... Pero a súa época dourada viviuna baixo as lexislaturas presididas por Fraga Iribarne, nas que dirixiu varias consellerías e foi Voceiro do Goberno. Senador ata 2008, é recordado por "reinventar" os Camiños de Santiago co Xacobeo 93.

Retirado da política activa en 2008, non quixo deixar pasar a ocasión de contar a Historia dende dentro, a súa Historia, no libro "Testigo y parte de la historia reciente de Galicia"

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes