Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Manuel Desco ofrece unha visión crítica da relación da tecnoloxía e a medicina en España

Especialista en Medicina Nuclear, impartiu hoxe na Casa de Galicia a conferencia "Enxeñaría e Medicina ao servizo da saúde no século XXI"
09/06/2011

As contribucións da Enxeñaría ou da Tecnoloxía á Medicina son abundantes e evidentes para calquera persoa minimamente familiarizada coa asistencia sanitaria. Calquera que visitase un hospital ou centro asistencial doutro tipo terá pasado con gran probabilidade por unha ou máis exploracións ou técnicas terapéuticas derivadas de recentes achegas tecnolóxicas.

Madrid, 9 de xuño de 2011. As contribucións da Enxeñaría ou da Tecnoloxía á Medicina son abundantes e evidentes para calquera persoa minimamente familiarizada coa asistencia sanitaria. Calquera que visitase un hospital ou centro asistencial doutro tipo terá pasado con gran probabilidade por unha ou máis exploracións ou técnicas terapéuticas derivadas de recentes achegas tecnolóxicas. Por iso, a conferencia que ofreceu hoxe o doutor Manuel Desco, especialista en Medicina Nuclear e xefe do Departamento de Bioingeniería Aeroespacial de la Universidad Carlos III de Madrid, na Casa de Galicia en Madrid, "Enxeñaría e Medicina ao servizo da saúde no século XXI", buscou, segundo explicou o propio confenciante, un punto de vista crítico sobre se algunhas destas achegas en realidade valen o que custan, aspecto especialmente relevante nestes momentos de crise económica. De feito, engadiu ao título da conferencia a pregunta "Ten España algo que facer neste campo?"

Desco interveu no Ciclo Medicina e Saúde, que se desenvolve na Casa coordinado polo profesor José Manuel Pérez Vázquez, xefe de Medicina Nuclear do Hospital Xeral Universiario Gregorio Marañón, quen o presentou xunto co delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.

O conferenciante situou a revolución tecnolóxica da Medicina no contexto doutras revolucións -a dos antibióticos e a revolución genómica- e expuxo como as novas tecnoloxías non necesariamente aumentan a eficiencia da asistencia sanitaria, sobre todo se se consideran os custos engadidos, e ás veces contribúen a deshumanizar a Medicina sen mellorar necesariamente os seus resultados.

España no contexto internacional
Un segundo aspecto abordado por Desco do papel da Enxeñaría na Medicina é o relativo a que rol xoga ou pode xogar o noso país neste terreo no contexto internacional. Observou que resulta case un lugar común nestes días dicir que a innovación, e en particular a innovación tecnolóxica, constitúe unha das mellores oportunidades para recolocarse dun modo vantaxoso nese panorama internacional. Segundo Desco, a nosa situación a este respecto, concretada no caso da innovación tecnolóxica xerada no ámbito do sistema sanitario, non pode ser cualificada senón de mala e estanos a resultar difícil alcanzar unha posición relevante neste aspecto, cando en produción científica pura, dixo, si somos capaces de ofrecer unha contribución relevante.

Non obstante, achegou dose de optimismo comentando algunhas iniciativas institucionais que intentan afrontar o problema e algúns exemplos de éxito, a pesar do ámbito desfavorable, que deben inducirnos a pensar que podemos alcanzar unha situación digna neste terreo tan relevante para a saúde, a ciencia e a economía que é a innovación tecnolóxica en Medicina.

Manuel Desco é médico, enxeñeiro superior de Telecomunicación, especialista en Medicina Nuclear e doutor pola Universidade Complutense de Madrid. Neste momento é director do Departamento de Bioingeniería e Enxeñaría Aeroespacial da Universidade Carlos III de Madrid e Xefe de Servizo responsable do laboratorio de investigación en imaxe biomédica do Hospital Gregorio Marañón. É tamén coordinador da Rede de Innovación Tecnolóxica en Hospitais (ITEMAS) do Instituto de Saúde Carlos III. Gran parte da súa actividade centrouse ultimamente no desenvolvemento de aparataje de altas prestacións para imaxe molecular en pequenos animais, de utilidade para a investigación biomédica experimental.

Varios desenvolvementos tecnolóxicos realizados polo seu grupo de investigación patentáronse e transferiron á industria, alcanzando unha comercialización a escala internacional por grandes firmas multinacionais.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes