Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa de Galicia inicia o Ciclo de conferencias "Galicia á vangarda da investigación mariña" cunha exposición de Uxío Labarta

O ciclo está coordinado por Antonio Villalba García, do Centro de Investigacións ariñas de Vilanova de Arousa
Madrid, 4 de febreiro 2016.

A investigación mariña en Galicia é o obxecto do ciclo de conferencias “Galicia á vangarda da investigación mariña” que coordinado polo doutor Antonio Villalba García, do Centro de Investigacións Mariñas de Vilanova de Arousa, da Xunta de Galicia, iniciouse hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia. Inaugurouno a conferencia “A investigación mariña en Galicia, vocación histórica de vangarda”, impartida polo profesor Uxío Labarta Fernández, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, de Vigo. A ela seguiranlle outras cinco ata finais de abril, todas a cargo de prestixiosos especialistas que desenvolven o seu labor en centros de Galicia.

O acto abriuse coa intervención do delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, ao que seguiron no uso da palabra Villalba e Labarta.

Ónega resaltou o interese e a importancia que para Galicia ten o mar –"Galicia é país bendicido polo mar"-, onde, lembrou, é un referente con numerosos campos de investigación e "cobre aspectos de gran relevancia, tanto naturais como económicos, sociais, de investigación e un longo etcétera", convidando a coñecer os seus "segredos e vangardas" nas intervencións que terán lugar na Casa de Galicia.

Villalba explicou que "con este ciclo de conferencias preténdese divulgar a excelencia e a transcendencia da investigación mariña que se desenvolve en Galicia, que a sitúan á vangarda internacional neste ámbito" e salientou no esforzo que supuxo a elección dos temas, pois "hai un gran espectro temático no que Galicia é líder", así como a dos conferenciantes, xa que en cada ámbito destacan varios especialistas.

Tamén se referiu ás conferencias do ciclo: esta primeira de perspectiva global á que seguirán tres que "centraranse en áreas concretas escollidas do amplo espectro temático en que a investigación mariña galega é guía": a Oceanografía e a súa aplicación ao sector produtivo mariño (pesca e acuicultura), abordando as consecuencias do cambio climático; a aplicación da Xenética á optimización da acuicultura e a aplicación da investigación microbiológica e inmunológica na loita contra as enfermidades de peces. As dúas últimas estarán dedicadas a dúas institucións galegas que son referencia internacional, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) e o Campus de Excelencia Internacional do Mar-Campus do Mar.

Labarta ofreceu unha perspectiva global da investigación mariña en Galicia, cun percorrido histórico desde o establecemento dunhas bases sólidas, a mediados do século pasado, ata desembocar na situación actual, salientando fitos e sen eludir grandes proxectos frustrados. Así, remontouse a 1951 en que sentan uns cimentos sólidos, coa creación en Vigo dun laboratorio dependente do Instituto de Investigacións Pesqueiras de Barcelona, do CSIC, con énfase nunha serie de fitos ao redor dos cales xurdiron e creceron grupos de investigación, como as contribucións destacadas de Ramón Margalef no ámbito da ecoloxía das rías galegas e de Buenaventura Andreu no ámbito dos cultivos de moluscos, os programas de investigación de investigadores holandeses nos 60 e de estadounidenses nos 70, a implementación dos Plans Marisqueiros nos 70, ata chegar á situación actual, sen eludir a frustración polo gran proxecto da Cidade do Mar que non se fixo realidade.

 

Antonio Villalba Garcíaé doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Formou parte do Primeiro Plan de Formación de Técnicos Superiores en Acuicultura do Goberno de España, no período 1984-86, especializándose en enfermidades de moluscos no Virginia Institute of Marine Science (EE. UU.). Desde o ano 1988 coordina un equipo de investigación sobre enfermidades de moluscos, no Centro de Investigacións Mariñas, en Vilanova de Arousa, dependente da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. Colabora con numerosos investigadores españois e doutros países europeos e americanos no ámbito da Patoloxía e Inmunología de moluscos. Coordinou proxectos nacionais e internacionais de investigación e presidiu a organización de varios congresos internacionais. As súas investigacións recolléronse en máis de 100 artigos publicados en revistas científicas. No ámbito educativo, imparte clases de Máster nas universidades de Galicia e na Universidade do País Vasco e dirixiu 8 teses doutorais. É Profesor Honorífico Investigador da Universidade de Alcalá de Henares desde decembro de 2015.

O doutor Uxío Labarta Fernández, santiagués, é profesor de Investigación no Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC de Vigo. A súa dedicación á investigación en Bioloxía Mariña enfocouse no espazo económico e ecolóxico das rías galegas, en particular no cultivo de moluscos bivalvos, primordialmente o mexillón. Ademais, desempeñou funcións de planificación e xestión da investigación científica española en niveis superiores tanto de ministerios con competencias en investigación como do CSIC. Ao seu labor científico hai que sumar o seu permanente interese e implicación en ámbitos culturais, sociais e políticos, sendo membro do Plenario do Consello da Cultura Galega e deputado no Parlamento de Galicia na IV Lexislatura (1993-97) e sendo columnista de opinión do diario La Voz de Galicia desde o ano 2002. Autor prolífico no ámbito científico, con máis de 150 artigos en revistas de investigación, así como no ámbito socio-económico, a través de libros de ensaio e artigos de opinión con especial impacto en pesca e acuicultura.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes