ASOMEGA celebra o seu 25 Aniversario

A Asociación de Médicos Galegos en Madrid conmemorou na Delegación da Xunta en Madrid o cuarto de século
Madrid, 27 de maio de 2019

A Asociación de Médicos Galegos en Madrid ASOMEGA, cumpre 25 anos da súa fundación e para celebralo realizou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia un "Acto Conmemorativo do XXV Aniversario" no que participaron diferentes personalidades do ámbito da medicina, socios e directivos destes anos. O encontro estivo presidido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega e nel interviñeron casi todos os presidentes que tivo ASOMEGA ata a data: Dr. Julio Ancochea Bermúdez, presidente actual; o Dr. Aniceteo Luís Charro Salgado, presidente de Honra; o Dr. Francisco Javier Ruza, expresidente da institución e o tamén expresidente Melchor Álvarez de Mon.

"Queridos e admirados doutores e amigos, saben que aquí teñen a súa casa"; dixo Ónega tras as felicitacións, e citando a Confucio lembrou que "Hai catro cosas que é necesario extinguir no seu principio: as débedas, o lume, os inimigos e a enfermidade"; ou tamén a Huxley, cando dicía que "A investigación das enfermidades avanzou tanto que cada vez é máis difícil atopar a alguén que estea completamente san".

Os directivos de AEGAMA fixeron unhas breves recensións das súas experiencias á fronte da Asociación cuns pequenos discursos. Ancochea falou sobre o "I Encontro Mundial de Médicos Galegos", que terá lugar en Santiago, do 19 ao 21 de setembro deste ano. Con este evento "ASOMEGA quere converter a Galicia no punto de encontro que permita aos médicos galegos, procedentes de todo o mundo, reafirmar o seu vínculo coa profesión, a vocación, os valores e as súas raíces". Ademais, "esta iniciativa poñerá en valor o empuxe da medicina galega, dentro e fóra de España, nun espazo aberto para o intercambio de coñecementos e experiencias, que non fará senón estreitar máis os lazos dos médicos con Galicia".

Tampouco quixo o Dr. Ancochea deixar pasar a ocasión para manifestar a clara posición de ASOMEGA ante a polémica xurdida nos últimos días, e agradeceu publicamente a achega da Fundación Amancio Ortega, que permite avanzar nas posibilidades de diagnóstico precoz e curación, de miles de pacientes que sofren cancro en España. "Desde ASOMEGA aplaudimos accións como a levada a cabo pola Fundación Amancio Ortega, polo seu indiscutible valor social e de esperanza para miles de pacientes que padecen cancro", dixo o seu presidente.

Outro dos puntos fortes de ASOMEGA é o seu premio Nóvoa Santos, do que este ano etregarán xa a vixésimo primeira edición, e que se celebrará o 20 de xuño na Sala de Plenos da Deputación de Ourense para galardoar a traxectoria do Dr. José Ramón González Juanatey, xefe do servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela e catedrático de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela.

Pola súa banda a Dra. Ana Fernández-Tojeiro, presidenta da Sociedade Española de Hematología e Oncoloxía Infantil, foi a encargada de presentar ao conferenciante invitado, o Dr. Rafael López López, xefe de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, quen pronunciou o relatorio titulado "O camiño cara á Oncoloxía de precisión". O Dr. López expuxo algúns dos avances neste campo e o vasto futuro próximo que se aveciña e que xa empeza a formar parte do presente. "Aínda que hai miles de tipos, as porcentaxes de supervivencia aumentan cada ano. Aínda que queda moito por andar, estamos no camiño", asegurou.

Para ampliar información: asomega@viajeseci.es

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes