A empresa viguesa Pinturas Proa celebra o seu 75 aniversario cun acto conmemorativo na Casa de Galicia en Madrid

No que repasou a súa historia e presentou algunhas das súas últimas innovacións
Madrid, 9 de xuño de 2016.

A empresa viguesa Pinturas Proa celebrou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia un acto conmemorativo do seu 75 aniversario, lembrando a súa traxectoria ao longo de tan amplo percorrido e presentando algunhas das súas últimas innovacións, que se exhibiron nas instalacións da Casa. Interviñeron no acto o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, e Juan Manuel López-Valcárcel, membro do Consello de Administración de Pinturas Proa, que estivo acompañado polo tamén membro do Consello da firma Guillermo Rodríguez-Puime, o adxunto ao director xerente da mesma, Iván Casanova, e o delegado comercial en Madrid, Alberto Jiménez.

Ónega dió a benvida aos directivos da firma e aos seus invitados ao acto e enxalzou o percorrido histórico desta importante empresa galega á que se referiu como proba do empeño e bo facer empresarial dos galegos, lembrando que empezou como unha pequena empresa familiar da man do emprendedor Justo López Valcárcel, avó e bisavó dos actuais directivos, e foi ocupando cotas de mercado coas sucesivas xeracións.

Precisamente ao seu avó Justo López Valcárcel, fundador de empresa, remontouse López-Valcárcel na súa intervención. "Era un gran emprendedor", mantivo, lembrando algunhas das súas iniciativas, como a importación de mercadorías desde Alemaña, a creación dunha fábrica de conservas de peixe en Vigo e, posteriormente, buscando aplicacións ao aceite de peixe, "expúxose fabricar vernices" e "xa no ano 1940 estaba en marcha a construción da nosa primeira fábrica en Vigo".

"Os seus fillos Juan Manuel e Jaime López-Valcárcel, seguindo a tradición empresarial familiar puxeron en marcha Proa, no ano 1941 e impulsárona con moito acerto durante máis de 60 anos. Inicialmente, en Inglaterra adquiríronse as fórmulas de patentes de buques que usaba o almirantazgo inglés, de aí o nome da nosa sociedade, aínda que xa desde entón dedicámonos ás pinturas, esmaltes e vernices para a construción e a industria", explicou.

Despois chegaron os novos polímeros, as pinturas plásticas en emulsión, os produtos metalgráficos para tubos e hojalatas –"que é hoxe outra actividade motora de Proa"-, a delegación en Madrid en 1965, as imprimaciones anticorrosivas, obras emblemáticas, e a suministración, desde 1967, de imprimaciones e ceras ao grupo Citröen, hoxe PSA, "que foi noso auténtico motor organizativo", recoñeceu López-Valcárcel.

No ano 2011 a firma modernizou a súa fábrica e na actualidade "podemos dicir con orgullo que temos un portafolio de produtos moi diversificado con solucións moi avanzadas", indicou López-Valcárcel, convidando os presentes a coñecer algúns exemplos. Tamén declarou que despois destes 75 anos queren darlle un novo impulso á empresa "apoiando a expansión da nosa rede comercial" e que o seu principal activo "é o noso equipo humano, de 80 persoas de gran profesionalidade e experiencia, que é unha das nosas fortalezas". Ademais, tivo palabras de recoñecemento para o equipo directivo que lle acompañou e para o director xerente, Antonio Vázquez, que non puido asistir ao acto.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes