Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Directivos do Club Deportivo Lugo presentaron na Casa de Galicia o seu proceso de transformación en Sociedade Anónima Deportiva

Para iso abriu un período de subscrición de accións
24 de abril de 2013

 Directivos do Club Deportivo Lugo, encabezados polo seu presidente, José Bouso Alvite, presentaron esta tarde nun acto informativo celebrado na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia o proceso de conversión do Club en Sociedade Anónima Deportiva, requisito esixido para formar parte dunha categoría de fútbol profesional, para o que a entidade debera conseguir un capital de 3.015.000 euros ou, pola contra, descenderá de categoría. Para iso abriu un período de subscrición de accións cuxa última fase finalizará o próximo 31 de maio.

Madrid, 24 de abril de 2013. - Directivos do Club Deportivo Lugo, encabezados polo seu presidente, José Bouso Alvite, presentaron esta tarde nun acto informativo celebrado na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia o proceso de conversión do Club en Sociedade Anónima Deportiva, requisito esixido para formar parte dunha categoría de fútbol profesional, para o que a entidade debera conseguir un capital de 3.015.000 euros ou, pola contra, descenderá de categoría. Para iso abriu un período de subscrición de accións cuxa última fase finalizará o próximo 31 de maio.

 

Bouso Alvite acudiu acompañado dos directivos Víctor Ferreiro Segade e José A. García Latorre, así como do director de Marketing do Club, Daniel Fernández Rodríguez. Interviñeron na presentación José Bouso, Daniel Fernández, o xornalista lucense Paco Rivera e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, o tamén lucense José Ramón Ónega, quen dió a benvida aos responsables do Club e se referiu ao deporte como un factor importante na sociedade, recordando, así mesmo, como viviu os Mundiais do 82, sendo gobernador civil de Biscaia, e o tempo no que presidiu a Comisión Nacional contra a Violencia nos Espectáculos Deportivos, cargo que exerceu como director xeral de Política Interior do Ministerio do Interior, alternando presidencia e vicepresidencia co director xeral de Deportes, e dende o que se interesou especialmente polo fútbol.

O presidente manifestou a súa confianza en que a finais de maio teñan este proceso ben encamiñado. Bouso dirixiuse por carta aos potenciais accionistas expresándolles con orgullo que a entidade deportiva que preside "pode presumir de estar a facer historia neste momento". "O Club Deportivo Lugo está desenvolvendo unha magnífica campaña 2012-2013 na Segunda División da Liga de Fútbol española. Pero isto non é flor dun día; o noso club vén traballando moi duro dende o ano 1953 ata conseguir o pracer de poder ofrecer a todas as luguesas e os lugueses e, por extensión, a todas as galegas e os galegos, a posibilidade de poder exhibir o orgullo de sentir como propios as cores branco e vermello da camiseta deportiva que visten os nosos xogadores", explica, recordando a emoción coa que os seguidores animan o equipo no estadio Ángel Carro cando recibe os seus contrincantes, "aínda que o tempo non sempre acompañe con tardes soleadas".

Unha emoción da que se mostra seguro que non lles resulta allea aos galegos residentes en Madrid, aos que invitou a facerse accionistas do Club e sentir "a satisfacción de ser membro integrante da súa masa social, tanto se queres acompañar ao teu equipo no estadio coma se o queres contemplar comodamente sentada fronte ao televisor nas retransmisións que se efectúan dos partidos que disputa o noso amado equipo".

Na presentación, Rivera exerceu a súa profesión preguntando sobre a situación do Club a Daniel Fernández, quen fixo un breve percorrido pola súa historia e analizou o presente da entidade lucense que pasa pola necesidade de conseguir a conversión en S.A.D. factor indispensable para poder continuar militando no fútbol profesional. Para iso, destacou a importancia de conseguir o maior número de apoios posible. Rivera e Fernández deixaron clara a relevancia de conseguir o capital necesario, pois, dixeron, non queren que o Club sexa comprado por ninguén alleo aos galegos, en Galicia e no exterior.

Entre os asistentes ao acto informativo estaban o senador José Manuel Barreiro, os deputados Olga Iglesias y Jaime de Olano, a escritora Marta Rivera de la Cruz, o exdirector da Casa de Galicia Francisco Díaz Rey e empresarios galegos residentes na capital, membros da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), encabezados polo seu vicepresidente, José Cerdeira.

O Club Deportivo Lugo é unha entidade cunha masa social de máis de 4.000 persoas. Ademais, conta cun gran número de seguidores en todo o Estado e mesmo no estranxeiro. Un grupo humano de máis de 300 persoas, entre xogadores e traballadores, posibilitan o día a día deste proxecto deportivo e social. O capital social que necesita para a súa conversión en Sociedade Anónima Deportiva está dividido en 303.149 accións de dez euros de valor nóminativo cada unha.

O acto finalizou coa entrega dunha placa co escudo do Club por parte do seu presidente a José Ramón Ónega, para que luza na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid.

Máis información, Estatutos da Sociedade Anónima Deportiva e Programa de Fundación do Club Deportivo Lugo en www.cdlugo.com.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes