Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa de Galicia acolleu o acto informativo das xornadas "Conmemoración XX Aniversario da Rúa do Peregrino, obra da artista María Carretero" sita en Sarria

Nos relatorios, que se celebrarán hoxe e mañá en horario de mañá e tarde, participarán: Marcelino Oreja Aguirre, Emilio Muñoz Ruiz, Carlos R. Cano Alonso, Gil Carbajal, Wifredo Rincón García e a propia artista María Carretero
Madrid, miércoles 26 de outubro de 2016

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta mañá a Rolda de prensa/Presentación das xornadas "CONMEMORACIÓN XX ANIVERSARIO DA RÚA DO PEREGRINO, OBRA DA ARTISTA MARÍA CARRETERO. Vila de Sarria-Lugo, km. 111 do Camiño de Santiago Francés", coordinadas polo arquitecto  Domingo de Famara. No acto interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; o mestre Catador Custodio López Zamarra, quen estivo máis de 40 anos aconsellando viños aos comensais do primeiro restaurante español en lograr tres estrelas Michelin, o mítico Zalacaín; e a artista María Carretero, autora da Rúa do Peregrino, obra que cumpre este ano o vixésimo aniversario.

Ónega, tras as palabras de benvida, explicou que a Rúa do Peregrino é "un espazo de descanso de peregrinos no Camiño de Santiago ao seu paso pola localidade lucense de Sarria e que inclúe un conxunto escultórico, con incorporación de obras de arte integradas na paisaxe cas arbres e o río".

Custodio López Zamarra, amigo persoal da artista, falou do aspecto gastronómico do Camiño e especialmente das excelencias dos viños galegos, dos que puido comprobar persoalmente a extraordinaria evolución que tiveron. O prestixioso catador que resalta o viño "como vehículo de amizade, pracer e cultura", fixo un breve repaso polas cinco Denominacións de Orixe galegas destacando as virtudes e cualidades que "son moitas", de cada unha.

Pola súa banda, a autora sinalou que a Rúa do Peregrino "é unha das obras máis destacadas de incorporación das artes nos espazos públicos realizadas cun estudo previo e soporte  doutras disciplinas como arquitectura, enxeñería e urbanismo". É un espazo que ela mesma deseñou coma se fose un gran mural pictórico, en granito galego, lastra portuguesa, e lousa, con obras de arte: doce pezas únicas e orixinais, de grandes dimensións en granito de Zimbabwe, catro verticais e oito horizontais, a modo de asentos para os Peregrinos. As pezas, situadas ao longo de todo a área de descanso foron denominadas pola autora expresamente "Monol-Hitos". O conxunto escultórico culmina cunha monumental obra en bronce e granito de Zimbabwe, como símbolo do Peregrino. Tamén realizou o deseño do mobiliario urbano como varandas, xardineiras, papeleiras, lámpadas... A inauguración, en outubro de 1996, da que agora se cumpriron os 20 anos,  realizouna o entón presidente da Xunta, Manuel Fraga. Na actualidade, a artista asegurou "seguir custodiando con moito amor, dedicación e esmero profesional, a obra e o seu entorno", que agora, tal como expuxo, está afectada pola intervención da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e as obras de ampliación da canle do río interromperon o paso dos peregrinos, ao derrubar a Ponte Ribeira, que "non era necesario, tal e como xa quedou demostrado". Engadiu que "actualmente por este motivo, a obra está afectada, e a reconstrución da ponte paralizada". A artista sinalou que "confía en colaborar, coa CHMS, para crear vías de solución, e o máis pronto posible recuperar a integridade da obra,  para restaurar o Ben común, nun Patrimonio Universal como é o Camiño de Santiago".

En canto ás xornadas, Carretero explicou que se celebrarán hoxe mércores 24 e mañá xoves 25, en horario de mañá e tarde, e que correrán a cargo de personalidades como: o presidente de Honra da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas e Fillo Adoptivo de Santiago, Marcelino Oreja Aguirre; o profesor de investigación emérito do CSIC e asesor da Unidade de Investigación en Cultura Científica do CIEMAT, Emilio Muñoz Ruiz; o párroco da Real Igrexa de Santiago Apóstolo e San Juan Bautista, Carlos R. Cano Alonso; o presidente de Demócratas Abroad Spain, Gil Carbajal; o doutor en Historia da arte e profesor de Investigación do CSIC, Wifredo Rincón García e a propia artista María Carretero.

O acto contou coa asistencia de dous dos relatores das xornadas, Gil Carbajal, presidente de Democratas Abroad Spain, e Cassio Romano, director da Casa do Brasil. Colexio Maior Universitario en Madrid.

PROGRAMA DAS XORNADAS

Mércores, 26

19:30 horas Conferencia: "CAMIÑO DE SANTIAGO, CAMIÑO DE EUROPA", que pronunciará o presidente de Honra da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas e Fillo Adoptivo de Santiago Marcelino Orella Aguirre, dentro das xornadas "CONMEMORACIÓN XX ANIVERSARIO DA RÚA DO PEREGRINO, OBRA DA ARTISTA MARÍA CARRETERO. Vila de Sarria-Lugo, km. 111 do Camiño de Santiago Francés", coordinadas polo arquitecto Domingo de Famara.

Xoves, 27

Mañá

11:30 horas O profesor de investigación emérito do CSIC e asesor da Unidade de Investigación en Cultura Científica do CIEMAT, Emilio Muñoz Ruiz: "ÉTICA E VALORES NO ESPAZO PÚBLICO: UN DESAFÍO EVOLUTIVO BASEADO NA RESPONSABILIDADE".

12:15 horas O párroco da Real Igrexa de Santiago Apóstolo e San Juan Bautista, Carlos R. Cano Alonso: "O AMOR E A TRANSFORMACIÓN INTERIOR NO CAMIÑO DE SANTIAGO".

13:00 horas O presidente de Demócratas Abroad Spain, Gil Carbajal: "DEMÓCRATAS AMERICANOS E O CAMIÑO DE SANTIAGO".

 Tarde

19:30 horas O director da Casa do Brasil, Colexio Maior Universitario,  Cássio Roberto de Almeida Romano: "Palabras de Irmandade dun peregrino brasileiro".

19:30 horas O doutor en Historia da arte e profesor de Investigación do CSIC, Wifredo Rincón García: "SARRIA. UN FITO NO CAMIÑO DE SANTIAGO".

20:15 horas A artista María Carretero: "RAÍCES DE PEDRA E BRONCE NA RÚA DO PEREGRINO".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes