A Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñería Química (CODDIQ) celebra a súa Asemblea Xeral na Casa de Galicia en Madrid

Ao acto asistiron máis dunha vintena de profesionais de diferentes comunidades
Madrid, 22 de maio de 2019

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta mañá a celebración da Asemblea Xeral da CODDIQ á que asistiron máis dunha vintena de profesionais. Este acto, de carácter anual, reúne aos representantes das súas institucións asociadas, centros universitarios onde se imparten os estudos de Enxeñería Química, para informar sobre o estado desta rama da Enxeñería, tanto no ámbito profesional como académico.

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López saudou a Gumersindo Feijoo Costa, Raquel Ibáñez Mendizábal, Javier Herguido Huerta, presidente, vicepresidenta e secretario de CODDIQ respectivamente, e tamén aos participantes, e a todos dirixiu unhas palabras de benvida á institución "na que nos sentimos moi honrados de recibilos e onde teñen vostedes a súa casa". Ónega aproveitou para explicar brevemente as funcións da Delegación, "onde cada día celebramos variados actos, desde presentacións de libros, exposicións de arte, conferencias ou presentacións empresariais, turísticas, de produtos…".

Pola súa banda, Gumersindo Feijoo mostrou o agradecemento pola "sempre cálida acollida, pois con certa periodicidade reunímonos aquí e é sempre excelente. Sentimos como na nosa casa".

Na Asemblea, a Comisión Permanente presentou o informe anual, onde se expuxeron os obxectivos logrados ao longo do ano 2018, e o balance económico cunha proposta de orzamentos para este ano. A elaboración no 2018 dun dossier con documentación sobre as competencias da profesión de Enxeñeiro/a Químico, a historia e os fundamentos para o recoñecemento como profesión regulada e a publicación do artigo Education of chemical engineering in Spain: A global picture en Education of Chemical Engineers reforzaron as reivindicacións que a CODDIQ leva anos trasladando aos estamentos públicos. Tamén se comunicou as iniciativas que se están desenvolvendo, como a organización do V Congreso de Innovación Docente en Enxeñería Química que terá lugar do 22 ao 24 de xaneiro de 2020 en Santiago de Compostela. Nesta edición do CIDIQ preténdese analizar cales son as demandas dos profesionais en Enxeñería Química que formamos actualmente e o futuro da profesión. Haberá catro comunicacións convidadas, impartidas por profesores de recoñecido prestixio internacional así como unha sesión de debate con egresados en Enxeñería Química.

Tamén se comunicou que Gumersindo Feijoo Costa, Vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da Universidade de Santiago de Compostela, pon fin á súa etapa como presidente da CODDIQ e cede a testemuña a unha nova presidencia que continuará co labor realizado ao longo da anterior lexislatura.

A CODDIQ é unha asociación sen ánimo de lucro que desde o ano 2009 formou parte do proceso de debates ao redor da definición da profesión e participou activamente en poñer en valor a Enxeñería Química. Trátase dunha área de coñecemento cunha importante repercusión na sociedade, pola súa incidencia no mercado e a súa estreita vinculación con valores que se atopan constitucionalmente recoñecidos, como a saúde das persoas e a calidade de vida, o respecto ao medio ambiente e o desenvolvemento tecnolóxico. O labor desenvolto polos profesionais en enxeñería química supón importantes contribucións nos campos da enerxía, os materiais, os produtos farmacéuticos, os produtos químicos para a agricultura, as tecnoloxías para a protección e mellora do medio ambiente, a biotecnoloxía e biomedicina, e a xestión e tratamento de residuos, entre outros. A indubidable influencia na saúde, no medio ambiente e no necesario progreso industrial destas actividades fai conveniente que se regule o acceso á profesión e a ordenación da mesma.


 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes