Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentada na Casa de Galicia en Madrid a biografía "Vida de Carmen Martín Gaite", de Natalia Velasco

A vida da escritora, profundamente relacionada con Galicia, xa forma parte da Colección de Biografías da AMMU
Madrid, 3 de marzo 2016.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolleu hoxe a presentación do libro "Vida de Carmen Martín Gaite", de Natalia Velasco Postigo, unha biografía publicada por Eila Editores e que xa forma parte da Colección de Biografías de Mujeres da Asociación Matritense de Mujeres Universitarias (AMMU), colección promovida pola propia Velasco, vicepresidenta da Asociación, xunto á editora e presidenta da AMMU María Luisa Maillard e Susi Álvarez.

Ademais de Natalia Velasco, licenciada en Filoloxía Francesa pola Universidade Complutense de Madrid e en Arte Dramática pola Middlesex University de London, no acto interviñeron María Luisa Maillard, representante de Eila Editores e directora da Colección de Biografías, que explicou esta colección, á que se referiu como "proxecto estrela da AMMU", a socióloga Inés Alberdi e, en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que presentou ao resto dos intervenientes. Máis dun centenar de persoas asistiron á presentación.

Carmen Martín Gaite (CMG) foi unha escritora profundamente relacionada con Galicia, que está moi presente nas súas novelas. A súa nai era galega e ela pasou os veráns da súa infancia e moitos outros en San Lorenzo de Piñor (Ourense). Neste sentido, Jiménez lembrou que a escritora deu unha conferencia na Casa de Galicia en febreiro de 1996 co título "Galicia na miña obra", de cuxa gravación se proxectaron tres minutos nos que CMG falou dos seus recordos de infancia en Galicia. Tamén se ofreceu unha cantiga composta pola escritora e interpretada por Rosa León, cuxo arquivo facilitou Alberdi.

Alberdi referiuse á obra de Velasco como "un libro magnífico que ten ademais a virtude de ser a primeira biografía que se publica" sobre CMG. "A Martín Gaite dedicáronselle moitos estudos, escribíronse teses doutorais sobre a súa obra pero esta é a primeira vez que se trata de vincular a obra coa personalidade da escritora, é a primeira vez que se fai a súa biografía", explicou, encomiando o traballo da autora, que "soubo transmitir no seu texto esa personalidade tan orixinal e brillante que tivo Martin Gaite", e das editoras, polo seu labor en "unha Colección de Biografías de mulleres magníficas que nos axuda a lembralas e gozar da súa memoria".

Velasco falou sobre os temas principais que se repiten na obra de CMG, que "foron froitos de diversas reflexións ao longo da súa vida" e que, xunto con outros, constitúen o seu "eixo narrativo e de pensamento". Segundo a autora da biografía, eses temas son: a necesidade de interlocutor, o valor da narración oral, o valor do xogo, o amor –"Carmen di que o amor empeza a ensaiarse a soas sobre modelos literarios e que se volve verdade cando se ensaia con outro"-, a soidade –"un leit-motiv que lle inspiraba moitas reflexións"-, o tempo –"contrapón a expresión ´matar o tempo´ á de ´habitar o tempo´"-, e a escritura –"escribir é a súa maneira de habitar o tempo, de salvar o vivido das fauces da morte".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes