O galego Dúo Rivera presentou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o seu disco "En el medio del camino"

O grupo está composto polas músicas ourensás María Luz Rivera e Raquel Rivera e o CD contén música galega e española
Madrid, 20 de decembro de 2018.

O galego Dúo Rivera, composto polas músicas ourensás, residentes en Madrid, María Luz Rivera (piano) e Raquel Rivera (violín), presentou esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o seu CD "En el medio del Camino", nun acto que contou coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e no que as artistas interpretaron algunhas pezas do repertorio do disco. O CD contén obras de autores galegos -Marcial de Adalid-, de temática galega -" Aureana do Sil", de Federico Mompou- e doutros autores españois (Falla e Turina).

Na presentación interviñeron, ademais das compoñentes do dúo, a musicóloga e doutora en Filosofía Mariña Hervás, a xestora cultural e subdirectora de Educación e Cultura da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Juana Escudeiro, o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, e o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López.

Ónega dió a benvida aos participantes e ao numeroso público que completou o aforamento da sala na que se desenvolveu a presentación -entre o que se achaba o expresidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría- e sinalou que "con este acto pechamos nesta Delegación da Xunta un ano denso de actividades culturais". O delegado da Xunta enxalzou a cultura e explicou que nas nosas instalacións "dedicamos á cultura un espazo e unha atención moi especial porque cremos que un pobo sen cultura non é só un pobo fracasado senón unha comunidade sen rumbo", apreciou así mesmo que "a música é a inspiración dos pobos". Tamén tivo palabras de recoñecemento para Jiménez: "A cultura é a esencia desta Casa e Ramón Jiménez é o promotor dun amplo e diverso programa cultural que aquí desenvolvemos".

Jiménez explicou que o disco "En el medio del camino" foi editado por Rivera Sacra Records e que a súa presentación realizábase en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, "que tivo a cortesía de achegar o piano necesario para levalo a cabo". Presentou ás integrantes do Dúo Rivera, ambas as tituladas superiores polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid; María Luz, ademais, licenciada en Filosofía e Raquel en Dereito.

"Ás dúas coñecémolas nesta Casa desde hai tempo, por ofrecer nela, tanto en formato de Dúo como Raquel individualmente outras actuacións musicais, todas de gratísimo recordo", sinalou, precisando que "a creación do Dúo remóntase ao ano 2000, en que naceu co obxectivo de difundir a música española con especial atención ao repertorio contemporáneo sen esquecer o clásico en xeral. E así, dedicouse o Dúo como tal, de maneira complementaria ás carreiras artísticas individuais das súas dous integrantes, á interpretación de obras de autores españois, clásicos e contemporáneos" en concertos por toda Europa. "´En el medio del camino´ xorde como necesidade de documentar máis de quince anos de andaina profesional como dúo de violín e piano e toda unha vida de música en común. É unha mirada a unha carreira camerística fundamentada no estudo, a reflexión e, sobre todo, unha escoita cómplice e comprometida", engadiu.

Juana Escudero exerceu de presentadora e moderadora das intervencións de Marina Hervás e María Luz e Raquel Rivera. Pola súa banda, Marina Hervás na súa intervención presentou os aspectos máis subxectivos "desde o prisma da filosofía da estética do repertorio escollido para a gravación do CD", do cal se interpretou, en vivo e en diálogo coas intervencións, unha selección das pezas máis representativas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes