A Casa de Galicia en Madrid acolleu este ano a celebración do "V Nadal Galega" coa asistencia do delegado da Xunta en Madrid e o secretario xeral de Emigración

O acto foi organizado polo Club de Xornalistas Galegos en Madrid en colaboración coa Federación de Asociacións de Galegas en Madrid (FAGAMA) e a Secretaría Xeral da Emigración
Madrid, 10 de decembro de 2016

A Casa de Galicia en Madrid, sede da Delegación da Xunta na capital de España acolleu esta tarde a celebración de "Nadal Galego", na súa V edición, que contou coas intervencións do secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega. O acto, que está organizado polo Club de Xornalistas Galegos en Madrid en colaboración coa Federación de Asociacións Galegas en Madrid (FAGAMA) e a Secretaría Xeral da Emigración, contou coa asistencia de directivos e membros das diferentes asociacións culturais e profesionais con sede na Comunidade de Madrid.

José Ramón Ónega, sinalou que "é un aunténtico pracer acoller este acto tan entrañable" e lembrou que "aquí tedes todos a vosa Casa, pois como sabedes eu abrina aos centros e ás asociacións, tanto culturais como profesionais, para dinamizala aínda máis".

Para Pilar Falcón, presidenta do Club de Xornalistas Galegos en Madrid, "esta celebración lémbranos á infancia porque en todas as aldeas sempre catabamos panxoliñas e agora en Madrid, contribúe a potenciar e difundir a nosa música galega".

Rodríguez Miranda, quen pola mañá visitou aos socios e instalacións da Casa de Galicia en Alcorcón que preside Miguel Fernández Arias, convidou os asistentes a "perseverar e profundar no camiño da mutua colaboración entre centros galegos e asociacións profesionais" no que sempre foron pioneiros.

Así, en cada edición adoitan participar quince organizacións que garanten a presenza de Galicia en ámbitos dispares tanto no terreo profesional (empresarios, xuristas, xornalistas e médicos) e tamén o xeográfico (con sedes na capital, pero tamén en Móstoles, Alcobendas, Fuenlabrada, Alcalá de Henares, Colmenar, Collado-Villalba, San Sebastián de los Reyes ou Tres Cantos).

Precisamente, a colaboración entre centros e casas de Galicia de ámbito xeográfico con outras de carácter eminentemente profesional, foi posta en valor por Miranda na súa alocución aos presentes: "As e os galegos de Madrid fostes pioneiros e punteiros, e así fai falta recoñecelo, en unir esforzos, e de facelo ademais entre asociacións xeneralistas e sectoriais, algo que é moi difícil de ver fóra de aquí. En nome de Galicia e do seu Goberno, quero e debo recoñecérvolo", afirmou.

O secretario xeral asegurou ao mesmo tempo que "esa unión é especialmente boa para Galicia por darse onde se dá: en Madrid, capital da nación e epicentro das grandes decisións nese ámbito. Galicia ten peso no conxunto de España, en gran medida, grazas a vós".

Este V Nadal, na parte artística, contou coas actuacións do coro da asociación "Xuntanza de Galegos en Alcobendas", e do espectáculo-concerto do Bruxo Queiman e Andrea Pousa.

No total da Comunidade Autónoma madrileña residen, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística ao 1 de xaneiro deste ano, 78.040 galegos e galegas de nacemento agora censados, aínda que este número é estimativo, xa que  moitos dos residentes, por diversas razóns, seguen censados nos seus concellos de orixe, e esta cifra tampouco contabiliza as segundas e terceiras xeracións de galegos xa nacidos en Madrid.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes