Seixas Seoane: "Para Castelao a beleza e a verdade, que son o mesmo, están dentro das cousas, non na súa aparencia"

A Casa de Galicia acolleu hoxe a segunda conferencia do ciclo que realiza en colaboración coa Fundación Castelao e que pronunciou o historiador de Compostela
Madrid, 24 de maio de 2016

"Para Castelao a beleza e a verdade, que son o mesmo, están dentro das cousas non na súa aparencia", explicou o historiador, Miguel Anxo Seixas Seoane, na segunda conferencia do ciclo "Ao redor de Castelao", que organiza a Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia en colaboración coa Fundación Castelao. "Hai que acceder a ese interior para atrapala", seguiu dicindo o conferenciante, "unha conquista que non consegue, segundo o rianxeiro, nin a pintura nin a recente fotografía senón o debuxo humorístico e que el denomina caricatura". A estas conclusións chegou "Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, artista autodidacta, quen ademais de debuxar e de pintar investigou e converteuse nun teórico da arte. Tras numerosas lecturas elaborou unha conferencia titulada Algo acerca de la caricatura que impartiu moitas veces ata imprimila en Pontevedra en 1917. Antes de imprimila leuna en Vigo en 1910 e no Ateneo de Madrid en maio de 1915".

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega foi o encargado da presentación do conferenciante. Miguel Anxo Seixas Seoane é licenciado en Historia da arte pola USC en 1984. É Vicepresidente e Secretario da Fundación Castelao. Tamén escritor, é autor, entre outras, das seguintes obras sobre a figura e obra de Castelao: Castelao, cronoloxía (dentro do catálogo, Castelao, exposición 50 aniversario), Castelao pintor (Galaxia, 2006), Castelao humorista gráfico, o risco dos riscos, dentro da publicación Xornalistas con opinión II -20 biografías (Galaxia, 2010), A arte gráfica de Castelao, de 1936 a 1946: a solidariedade e a soidade, dentro do Castelao: A última lección do mestre (Deputación de Lugo, 2010). Na actualidade é comisario da mostra "Con-fío en Galicia".

Seixas Seoane sinalou que "O Castelao pintor premiado en na exposición 1909 en Santiago e na nacional de Belas Artes en Madrid en 1915, coa terceira medalla, seguirá a ilustrar libros, a debuxar cruceiros e a producir pintura simbolista ou primitivista arredor de 1920. Fará una viaxe por Francia, por Bélxica e por Alemaña en 1921 e nese Diario recolle as súas ideas sobre o que via e pensaba. Non lle acaia a Galicia esa pintura na que o protagonismo estaba nos artistas e non nas obras como antano. El quería unha arte do pobo e para o pobo. Por iso vai optar polo debuxo humorístico como arma política".

Para Seixas, "Dáse pois un dobre xogo na obra de Castelao. A do artista con problemas de visión dende 1914, que quere crear unha pintura galega e por outro o artista ético que debuxa e que presenta o pobo a través da prensa. Será esta a que lle outorgue a admiración dos galegos en Galicia e na emigración e mesmo de de El Sol de Madrid. Grande debuxante doulle voz e rostro o pobo galego que amosou na prensa con dignidade. Eran as Cousas da vida por Castelao".

Engade ademais que "na súa teoría artística e nacionalista estaba pendente crear unha arte galega que nacera arredor de 1833.  O termos unha xeografia diferente e unha paisaxe singular facia posible termos unha pintura galega,  Para el esa pintura nacería da paisaxe, da Terra, como se fose esta unha matriz. Pero segundo el so os pintores con sensibilidade e sinceros podían transmitir nas súas obras esa emoción. Defende pois a teoría romántica. Asi o deixou escrito en varios textos.

O relator engadiu que "asemade o Castelao escritor na súa literatura presenta outras duas teorías. A primeira, a de que a arte di a verdade como vemos no conto Peito de lobo escrito en 1918 e publicado en 1919, que é a imaxe exacta de Titoán, e a segunda na que manifesta que a arte minte como vemos no conto  ou  O señor Antón 1927, O retrato escrito en 1922, publicado en 1927, O pai de Migueliño de 1926, ou Memoria e historia, A fonte da Ferrería. O mesmo  que nos amosa no seu esbozo teatral como Argumento para unha farsa de teatro de caretas co equívoco do intercambio de caretas. De feito na historia hai moitas mentiras que se converteron en verdades como fixo sen querer o pontevedrés Cousiño, protagonista do relato A fonte da Ferrería".

Finalmente sinalou que "como artista que era deixou apuntada outra terceira. O creador e o primeiro en sorprenderse do que crea, son como fillos e do seu arsenal cultural saen curiosas combinacións que se retroalimentan e el sabia que un prentende cousas que non sempre consegue e sen embargo o resultado é ben lindo. "Se ten barbas santo Antón e se non a Purísima Concepción" din os nosos canteiros e tallistas. Xa que toda creación ten algo de sorpresa".

O ciclo finalizará mañá mércores 25, con "CASTELAO E A POLÍTICA", por Xusto  Beramendi González, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes