AEGAMA clausura na Casa as actividades do ano 2015 con máis dun centenar de asistentes

Destacan os premios Victoriano Reinoso, o nomeamento de Asociado de Honra de José Ramón Ónega e a organización do II Encontro de Empresarios Galegos no Mundo en Santiago de Compostela
Madrid, 14 de decembro de 2015

Un ano máis, a delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia, acolleu o acto de clausura de actividades de AEGAMA (Asociación de Empresarios Galegos en Madrid) á que asistiron máis dun centenar de socios, todos eles empresarios de orixe galega que desenvolven a súa actividade na capital de España. O delegado da Xunta de Galicia e director da Casa José Ramón Ónega deu a benvida tanto aos membros da xunta directiva como aos socios de AEGAMA, reiterándolles que "esta é tamén a súa Casa". 

Na súa intervención, o presidente Julio Lage fixo un repaso polos múltiples e importantes actos celebrados no transcurso destes 12 meses e deles destacou especialmente: os premios Victoriano Reinoso que recaeu na economista e presidenta da Comisión Nacional do Mercado de Valores Elvira Rodríguez; o nomeamento de Asociado de Honra do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega pola súa "colaboración continuada coa nosa Asociación"; e a organización doII Encontro de Empresarios Galegos no Mundo que tivo lugar en Santiago, ao que asistiron o presidente e o conselleiro de Economía e Industria da Xunta e que congregou a preto de 300 profesionais provenientes da Galicia interior e exterior.

Lage destacou tamén o 25 aniversario de Aegama que celebraron cun xantar no Hotel Eurostars Madrid Tower ao que asisitieron preto de 400 invitados, entre os que se atopaban os presidentes das comunidades de Galicia e Madrid, Alberto Núñez e Cristina  Cifuentes. Ademais, lembrou o acto de presentación de novos asociados na Casa de Galicia no que se deron a coñecer dezaseis novos membros da entidade, as súas empresas, actividades e servizos, pertencentes a diversos ámbitos.

A clausura completouse coa entrega de diplomas, na que tamén interveu o xerente da entidade José Cerceira, para premiar aos asociados máis destacados; seguida coa actuación da Coral San Viator que interpretou "Melodías de Nadal" cun repertorio que incluíu pezas de diferentes épocas, ofrecendo un breve paseo pola historia da música destas datas; e finalizou coa xa tradicional copa de viño, por suposto, galego.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes