Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa clausura as actividades de 2015 co concerto "Quince músicas, un mundo" a cargo do grupo lucense Batital

A fusión entre músicas de diferentes países e a tradicional galega puxo o broche a un ano con máis de 200 actos celebrados, entre culturais e económicos
Madrid, 15 de decembro de 2015

"A música purifica as paixóns e provoca nos humanos unha alegría inocente e pura", dixo o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega citando a Aristóteles na clausura das actividades de 2015; "Un ano no que se celebraron máis de 200 actos entre exposicións, presentacións de libros, ciclos de conferencias, simposios sobre materias moi variadas, presentación de produtos industriais, organización de eventos sociais, reunións empresariais e de todo tipo...". O grupo lucense Batital foi con "Quince músicas, un mundo" o encargado de poñer o broche a todos eles coa fusión entre músicas de diferentes países e a tradicional galega.

A presentación de Batital correu a cargo do coordinador de Actividades da Casa Ramón Jiménez e nas súas palabras lembrou algúns dos fitos máis relevantes desta formación que naceu en Lugo en 2007 "da ilusión de varios afeccionados á música con experiencia en distintas agrupacións". Batital compuxo a canción do vídeo musical I´m from Lugo, que se presentou na Casa, en maio do pasado ano, un ambicioso proxecto gravado coas voces de Lucía Pérez, Noemí Mazoy, Alba Messa e Pilocha Martínez, entre outras artistas relevantes e no que participaron máis de 1000 lucenses. Máis recentemente, Batital puxo música ao poema Muralla, do escritor Toño Núñez, canción que o Concello de Lugo seleccionou oficialmente para o XV aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade.

O grupo fórmano: Elba Cancio, vocalista; Pablo Vázquez, vocalista e buzuki; Carlos Martínez, guitarra española e eléctrica; Yuri Silar, acordeón; Fran Muinela, mandolina; Marco Mendoza, percusión e vibráfono; e Omelian Grabets, violín e baixo eléctrico, e actualmente está a traballar en dous proxectos. O primeiro titúlase "Son de poetas", unha antoloxía de autores galegos que será a base do seu segundo disco; e o segundo, "Quince músicas, un mundo" é o que presentaron hoxe na Casa, un concerto guionizado con músicas procedentes de distintos puntos do mundo, combinadas con composicións propias, en portugués, italiano, ruso, inglés, francés, español, brasileiro e galego. Versións propias do grupo de temas moi coñecidos como Bágoas Negras, Cambalache, Molly Malone, Paloma Negra, a Garota de Ipanema, a Picolissima Serenata, María Lisboa etc, sempre con marcadas influencias da música galega. Ademais Batital interpretou catro composicións propias: A Muiñeira dá Lúa Chea, Muralla, Amor Meniño, A Coruña Son e o tema I´m from Lugo, que se converteu no himno oficioso da cidade das murallas. O acto contou coa asistencia de máis de medio centenar de persoas, que ignorando o frío da tarde madrileña acudiron á Casa para gozar do amplo repertorio e o calor de Batital.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes