A Delegación da Xunta acolle a primeira presentación en Madrid do cómic galego de ambientación medieval "La espada de San Eufrasio"

Unha serie publicada por Diábolo Ediciones e da que son autores os guionistas Pepe Rey e Manuel López Poy e o debuxante Miguel Fernández
Madrid, 7 de marzo de 2019.

Unha familia de campesiños galegos, desposuída da súa casa e obrigada a fuxir da vinganza dos señores feudais, refúxiase nas recónditas montañas da Serra dos Ancares e para sobrevivir únese a unha cuadrilla de salteadores que actúan no Camiño de Santiago. Na súa loita pola supervivencia cruzaranse coa guerra que libran os poderosos, unha guerra xorda de todos contra todos na que os nobres e a Igrexa dispútanse o poder en terras e riquezas e loitan pola gloria que outorga a posesión dunha misteriosa espada traída de Terra Santa, por un santo home, un cruzado cuxo cadáver xace nunha perdida ermida. Este é o argumento central de "La espada de San Eufrasio", a serie de cómic galega, de ambientación medieval, protagonista do acto celebrado hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia: a presentación, por primeira vez en Madrid, de "La aldea maldita" e "Tierra de lobos", os seus dous primeiros capítulos.

A serie mestura a ficción con feitos históricos reais e está ambientada en Galicia, nos tempos previos á Revolta Irmandiña, unha das maiores sublevacións populares rexistradas en Europa durante a Idade Media. A súa publicación, en volumes de tapa dura e a todo cor, corre a cargo de Diábolo Ediciones, cuxo director, Lorenzo Pascual, participou na presentación xunto aos autores da obra, os guionistas Pepe Rey (madrileño descendente de galegos por liña paterna) e Manuel López Poy (Sarria, Lugo) e o debuxante, Miguel Fernández (Baralla, Lugo), e o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, que interveu en nome do delegado da Xunta, José Ramón Ónega. López Poy e Fernández son dous autores galegos cunha consolidada traxectoria no mundo do cómic e Pepe Rey é o autor da idea orixinal.

Jiménez observou que "no xa longo camiño cultural que leva percorrido esta Casa presentáronse multitude de libros neste sala, e ía dicir de todo tipo pero non, faltaba a historieta gráfica ou debuxada, que é o que en definitiva é o cómic, de modo que hoxe esta sala convértese con gran satisfacción para nós no Salón do Cómic", apreciando que se trata de "unha voz esta, cómic, tan arraigada xa no idioma español que non creo que poida xa nunca desaloxarse de el".

Pepe Rey expuxo que "o proxecto xurdiu fai máis de dez anos, durante unhas vacacións na casa da familia do meu pai en Villalba, Lugo". "Ocorréuseme a idea de situar alí unha historia familiar ambientada na Idade Media, nos axitados e duros días que precederon á revolta dos Irmandiños. Pase varios anos documentándome para conseguir a adecuada ambientación histórica, ata darlle forma como unha novela, que resultou ser excesivamente histórica para ser novela de ficción e tiña a parte persoal familiar que a afastaba do libro de historia académica. O proxecto quedou nun caixón ata que decidín resucitalo nunha conversación con Manuel López Poy".

Pola súa banda, Manuel López Poy sinalou que "o meu labor neste proxecto foi poñer a miña experiencia como escritor e guionista de cómics ao servizo do proxecto que tiña feito Pepe e que eu coñecía desde facía anos. De feito todo se activou cando atopei por azar o proxecto de Pepe revisando uns papeis e decidín propoñerlle darlle forma de cómic. Pareceume moi atractiva a combinación de relato de aventuras medievais protagonizadas por unha familia de campesiños galegos e o relato histórico protagonizado por personaxes reais. Esa mestura de ficción e feitos históricos creo que é unha combinación que lle dá un atractivo especial, ademais de abordar unha historia deste tipo por primeira vez en Galicia".

"O proxecto é un reto moi interesante para un debuxante xa que combina a acción co estudo de personaxes populares de zonas rurais galegas, moi parecidas á propia zona, Baralla, onde eu nacín", valorou Miguel Fernández. "Unha das características máis importantes da obra é o traballo de documentación, sobre todo en canto aos edificios históricos. Hai que ter en conta que a maioría dos castelos foron destruídos precisamente durante a revolta dos Irmandiños e moitos edificios civís, como pontes e camiños, ou relixiosos, como igrexas e catedrais, sufriron modificacións moi importantes ao longo do tempo. O traballo de reconstrución histórica foi moi minucioso e en xeral empreguei un estilo de debuxo que combina o expresionismo da caricatura e o realismo do debuxo histórico", detallou sobre o seu traballo o debuxante.

Lorenzo Pascual explicou que "coñecía a Miguel Fernández e a Manuel López Poy de traballar con eles en proxectos anteriores e cando me propuxeron este decidín embarcarme nel porque me gusta como traballan e porque me pareceu interesante a novidade dunha obra ambientada en Galicia, co fondo de aventuras no Camiño de Santiago". "A edición está acorde coa obra, en tomos de 48 páxinas, en cartoné e a cor", valorou.

 

Máis información en: http://espadadesaneufrasio.es/

http://www.diaboloediciones.com/la-espada-de-san-eufrasio-i-a-aldea-maldita/ e

http://www.diaboloediciones.com/la-espada-de- san- eufrasio-ii-terra-de-lobos/

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes