Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O dúo Cupeiro & Yukhnevich presenta, en concerto, na Casa de Galicia o seu traballo discográfico "Compromiscuo"

Está composto polos músicos Abraham Cupeiro, lucense, e Vadzim Yukhnevich, bielorruso afincado en Galicia
Madrid, 21 de maio de 2015.

O dúo Cupeiro & Yukhnevich composto polos músicos Abraham Cupeiro, de Sarria (Lugo), e Vadzim Yukhnevich, de Minsk (Belorrusia) e afincado en Galicia, presentou hoxe, en concerto, na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia o seu traballo discográfico "Compromiscuo", apelativo co que explica un tipo de música que emana de distintos estilos como o jazz europeo ou americano, rapsodia ou música clásica ao que os dous intérpretes lle achegan o seu selo persoal.

En representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, o dúo foi presentado polo coodinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen resaltou que "está formado por dous músicos de procedencias distintas pero cunha mesma escola baseada no respecto e a inquietude cara á música".

Cupeiro, profesor no Conservatorio da Coruña, musicólogo, instrumentista, coleccionista e nalgúns casos fabricantes dos instrumentos que interpreta, encárgase da estética sonora das melodías, coas que dialoga Yukhnevich a través da súa voz e do seu principal instrumento, o "bayan", un acordeón de botóns de fabricación rusa.

Cupeiro e Yukhnevich buscan o compromiso entre o respecto aos instrumentos e músicas do pasado e as ganas de usalos creando un estilo propio, ecléctico e de riqueza tímbrica. Xuntos conectan un instrumento pouco usual na actualidade, o "cornetto", que tivo o seu esplendor no século XVII, co tango arxentino, ou unha gaita irlandesa con Bach. Pero o instrumento que máis curiosidade espertou dos que utilizaron foi o "karnyx", unha especie de xigantesca corneta céltico utilizada na época dos romanos, un instrumento de mécanica sinxela que impresiona pola súa poderosa presenza e a súa sutil sonoridade.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes