Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Emilio Rúa presentou hoxe en Madrid "Querida alegría", sexto disco do cantautor ourensano nun recital de guitarra e voz

No acto, ao que asistiron preto dun centenar de persoas, interpretou temas da súa última publicación, financiada vía crowdfunding, con cancións inéditas, versións doutros discos e revisións de temas populares
Madrid, 9 de febreiro de 2016.

"Este é o disco máis sinxelo e o disco máis eu", dixo na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o cantautor Emilio Rúa do seu último traballo "Querida alegría", o sexto da súa carreira financiado vía crowdfunding, no que mestura cancións inéditas, versións doutros discos e revisións de temas populares, ademais de contar coa colaboración das cantareiras e pandereteiras Xestreu, Carlos Blanco, o músico vasco Kepa Junquera e o guitarrista Daniel Minimalia. Rúa ofreceu esta tarde, na Casa, ante case un centenar de persoas, un amplo recital de guitarra e voz co mesmo nome, cos temas do novo traballo así como outras cancións de discos anteriores.

A presentación do músico correu a cargo do coordinador de Actividades, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta e director da Casa José Ramón Ónega. Nela lembrou anteriores proxectos discográficos de Emilio Rúa como "Destino Sur", que presentou nesta mesma sala en setembro de 2014;  "Despois de ti, a chuvia", en colaboración co escritor Xosé Carlos Caneiro; "Interior"; "Vida Miña" e o primeiro, do ano 2000, a súa carta de presentación, ao que chamou simplemente "Emilio Rúa". Jiménez evocou especialmente que a canción "Vida miña", do disco do mesmo nome, foi elixida no seu momento polos lectores do diario La Voz de Galicia como unha das dez mellores cancións galegas de todos os tempos.

Así mesmo sinalou que Emilio Rúa é un "músico de raza" que na súa carreira contou coa colaboración de destacados intérpretes como Budiño; Guadi Galego e Quim Farinha, de Berrogüetto; Marcos Teira, de Marful; ou Carlos Castro, Lucía Pérez, Uxía e Kepa Junquera, entre outros artistas invitados. E compartiu escena en diferentes festivais con Fito y los Fitipaldis, Rosendo, Carlos Núñez, Dover, Budiño, Pedro Guerra, Ismael Serrano, Uxía Pedreira, Luz Casal, Luís Tosar, Cómplices...

Rúa, a pesar da súa mocidade ten xa unha dilatada traxectoria de tres décadas e a explicación é que comezou a súa andaina artística aos sete anos de idade no grupo musical Concorde Atenea, integrado polo seu pai e os seus catro irmáns, cos que viaxou por Galicia e as zonas limítrofes de Castela, Asturias e Portugal. 

En 1999 foi premiado no festival "Lluvia como risa furiosa", de Verín, o que propiciou a aparición do seu primeiro disco.

Alcanzou logo outras distincións, de ámbito nacional, cantando en galego, entre as que cabe citar o premio que obtivo no certame de cantautores Cantigas de mayo (Ceutí 2004), e o de Nuevos cantautores de Elche en 2006.

En canto a actuacións destacadas, mencionar as de Universimad, Festival de la Luz, e adiantar tamén que é artista galego invitado na próxima xira de Víctor Manuel 2016. 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes