Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa de Galicia en Madrid ofreceu o concerto "Músicas do mundo... para todo o mundo", do grupo Batital

A formación lucense interpretou temas musicais de quince países, fusionando a música raíz co folclore e ritmos galegos
Madrid, 21 de decembro de 2016.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia, ofreceu hoxe o concerto "Músicas do mundo... para todo o mundo" do grupo Batital, banda lucense que interpretou temas musicais de quince países, fusionando a música de raíz co folclore e ritmos galegos, todo iso "baixo o fío condutor dun guión literario que profunda na historia de cada canción, na obra do seu compositor, na situación histórica na que se compuxo ou na análise musical e rítmica da obra". Un concerto que encheu a sala e foi moi aplaudido.

En representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, o grupo foi presentado por Ramón Jiménez, coordinador de Actividades Culturais da Casa. Jiménez lembrou a traxectoria profesional de Batital e que o concerto, co que a Casa pechou as súas actividades culturais do presente ano 2016, "é a segunda parte do espectáculo ´15 músicas, un mundo´, que gozamos o 15 de decembro do ano pasado nesta mesma sala".

Batital naceu en 2007 da ilusión de varios afeccionados á música con experiencia en distintas agrupacións e nestes anos conseguiu un amplo recoñecemento. Compoñen o grupo Elba Cancio, vocalista; Pablo Vázquez, coros, buzuki; Yuri Silar, acordeón; Fran Muinelo, mandolina; Andrei Volodin, guitarra; Marco Mendoza, percusión e vibráfono; Pablo Expósito, percusión tradicional, e Carlos Martínez, baixo. Nesta ocasión, por asuntos familiares, a vocalista titular foi substituída pola cantante, tamén lucense, Iria Estévez que xa colaborou co grupo noutras actuacións. Por outra banda, as colaboracións do grupo con músicos lucenses son habituais na súa traxectoria.

Entre os recoñecementos obtidos por Batital destacan o Primeiro Premio do Certame de músicas emerxentes "Novoson", de Radio Galega, e o Primeiro Premio no Concurso A Coruña Son 10, organizado polo Concello da Coruña. Batital tamén asomou a cabeza a Eurovisión, obtendo 11.000 votos na preselección de candidatos do ano 2009, quedando no posto 50 de 300 candidatos, e foi incluído na lista de "creadores lucense" do diario El Progreso, de Lugo, que recoñece aos principais artistas da provincia.

En maio de 2014 o grupo presentou na Casa de Galicia en Madrid o vídeo musical "I´m from Lugo", no que participaron máis de 1.000 lucenses. En novembro de 2015 Batital puxo música ao poema "Muralla" do escritor lucense Toño Núñez, que foi seleccionado polo Concello de Lugo como canción oficial do XV aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade.

Posteriormente o grupo traballou no concerto "Trece músicas, un mundo", con cancións de trece países, e actualmente está a facelo no proxecto "Son de poetas", unha antoloxía musicada de poemas de autores galegos que será a base do seu segundo disco.

Máis información: http://batital-lugo.blogspot.com.es

                               https://www.facebook.com/batitalgrupo

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes