Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Oscar Ibáñez encheu na Casa de Galicia en Madrid co concerto Oscar Ibáñez & Tribo, de música folk gallega,

Ofreceu un espectáculo musical baseado no seu traballo discográfico "Alén do mar"
Madrid, 23 de xuño de 2016.

O músico e investigador pontevedrés Oscar Ibáñez (Oscar, acentuado na a, que é como el faio artisticamente) encheu na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia, que acolleu a máis dun centenar de persoas no concerto de música folk galega Oscar Ibáñez & Tribo, que ofreceu en cuarteto composto polos músicos Fernando Fraga (acordeón), Carlos Calviño (guitarra), Andrés Vilán (percusión) e o propio Ibáñez (gaita e frautas) e coa colaboración dos músicos madrileños Branca Agudo (bodhrán), Javier Celada (whistle), Javier Franco (gaita) e Miguel Ramalleira (gaita).

O concerto foi presentado polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez. Ónega anticipou que o concerto que ofrecerían Oscar Ibáñez e Tribo "é a expresión de que a música galega, creada e tocada por galegos, é unha paixón viva, unha expresión feliz, un acorde que enche o corazón". Jiménez sinalou que o concerto se baseaba no disco "Alén do mar", de Oscar Ibáñez, e que nel gozariamos das músicas de "ida e volta" produto de mestizaxe cultural a través do Atlántico, con especial atención á emigración galega.

Como se anunciou, o cuarteto ofreceu un espectáculo musical baseado no traballo discográfico "Alén do mar", o primeiro en solitario de Ibáñez, que xa contou nel con músicos de Tribo e a colaboración doutros experimentados profesionais da música. "Alén do mar" trata de músicas "de ida e volta" produto da mestizaxe cultural de Europa e América a través do Altántico, utilizando a música galega como fío condutor e analizando o caso particular da emigración galega a Iberoamérica, con elementos propios da música celta e inspirado no poema "Ou fillo de Celt", do cambadés Ramón Cabanillas.

Oscar Ibáñez é un gaiteiro e flautista fascinante que realiza unha fusión musical sen límites partindo das raíces, a medio camiño entre investigación e creación, que ten como resultado un novo e único son.

A súa carreira tivo os seus comezos en distintos grupos de música tradicional como "Celme" ou "Pai da Cana", cos que percorreu toda Europa, a docencia en máis de dez países de América Latina, EE.UU., Reino Unido, Suíza ou España e na súa participación nos concursos de gaita galega de maior prestixio, nos que conseguiu máis de corenta premios. Tras unha ampla formación académica traballou durante máis de dez anos no Arquivo Sonoro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, participou en máis de vinte traballos discográficos e catro libros-cd e produciu diferentes espectáculos en Galicia e Cantabria. Coa súa banda de directo, Oscar Ibáñez & Tribo, formada por excelentes músicos de longa e recoñecida traxectoria, levou a súa música por toda a península, Bretaña e Italia.

En canto a festivais destaca a súa participación no Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña), o Festival Capodanno Céltico (Milán), o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, o Festival Intercéltico do Morrazo, o Festival da Luz, o Festival Folk de Guísamo (Galicia), o Festival Internacional Celta Reino de León (León), o Festival Folk Canarias (Gran Canaria), o Festival Sauga Folk (Cantabria) e o Festival Intercéltico d'Occidente (Asturias).

 

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes