Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Agustín Dosil: "Compostela recibiu este ano peregrinos de 153 países e Madrid é a cidade do mundo da que proceden máis camiñantes"

O presidente da Arquiconfraría Universal do Apóstolo Santiago deu a coñecer os datos máis recentes na delegación da Xunta en Madrid, no Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudos Xacobeos
Madrid, 26 de novembro de 2012.-

O presidente da Arquiconfraría Universal do Apóstolo Santiago, Agustín Dosil deu a coñecer os datos máis recentes na delegación da Xunta en Madrid, na segunda conferencia do ciclo que baixo o título "Unha visión actual da Peregrinación Compostelá dende a cidade do Apóstolo" pronunciou dentro do Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudos Xacobeos, organizado en colaboración coa Asociación dos Amigos dos Camiños de España de Madrid.

A presentación do acto correu a cargo do presidente da Asociación, José Antonio Ortiz, quen sinalou o interese en coñecer a perspectiva das peregrinacións dende o lugar de chegada. "Non cabe dúbida que será unha visión diferente".

Dosil, con datos do día 23, "máis recentes non poden ser", quixo en primeiro lugar achegar respostas a cuestións tan básicas como: ¿Quén son os peregrinos? ¿Cantos son? ¿Cómo veñen? ¿dende onde? ¿ por que?...

E das respostas saíron datos como que, "Madrid é a cidade do mundo que máis peregrinos achega a Compostela", dixo Dosil, "en concreto este ano foron 17.456 persoas. Séguenlle por comunidades a de Andalucía, con 14.483 e Cataluña con 12.613 peregrinos". Todos eles son peregrinos "rexistrados" que fixeron o Camiño e obtiveron a Compostela.

Por países, "este ano foron 153, algúns dos cales custa situar no mapa,". Alemaña é o país do que proceden o maior número, máis de 15.000, seguida de Italia con 12.300 e Portugal con 10.218.

Dosil tamén explicou algúns datos curiosos como os peregrinos que chegan en bicicleta, case 30.000, a cabalo, 650 ou en cadeira de rodas, que este ano alcanzaron o medio centenar, 51. A pé fixérono, a maioría, 162.411 camiñantes.

Por sexos, é maior o número de homes aínda que o de mulleres está a aumentar cada ano.
O relator explicou como se fai en Santiago para acoller os peregrinos, atendelos e preparar os actos aos que van asistir, para contribuír no posible a que sexa unha experiencia inesquecible.
Para rematar, os asistentes puideron ver o audiovisual "Peregrinar a Santiago", co son das campás, fermosa música e preciosas imaxes que invitaron a realizar a viaxe, a quen aínda non a fixo. “Non o deixen, non se van arrepentir".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes