Enrique Paz Escudero: "Alfredo Kraus quería moito a Galicia"

O tenor coruñés, primeiro alumno e amigo persoal de Kraus, pronunciou unha conferencia na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia sobre o soado cantante
Madrid, 17 de outubro de 2017

"Alfredo Kraus, coñeceu Galicia sendo un adolescente porque estivo de campamentos xuvenís en Gandarío -Sada-A Coruña- e xa desde entón namorouse da nosa terra", dixo Enrique Paz Escudero, tenor coruñés, primeiro alumno e amigo persoal do internacional cantante, no relatorio "Alfredo Kraus: o artista, o mestre, o amigo e a súa relación con Galicia", que pronunciou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia. Paz Escudero, que tivo a oportunidade de acompañar a Kraus durante tres anos por diversas cidades de Italia, Inglaterra, Portugal e España, falou tanto dos aspectos máis relevantes da longa traxectoria profesional, como da persoal e tamén da relación de Kraus con Galicia, á que quería moito, -debutou na Coruña en 1960-, ofreceu os primeiros concertos e logo actuou en numerosas ocasións e ademais a visitou moitas veces.

A presentación do acto correu a cargo de Ramón Jiménez, coordinador de Actividades Culturais da Casa quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega.

Jiménez explicou que Paz, con esta conferencia, "proponse manter viva a figura  de quen foi un dos máis grandes tenores da historia da ópera, do que foi alumno privilexiado e amigo", e engadiu algúns datos sobre o relator. Enrique Paz Escudero, sentíuse atraído desde a súa nenez polo mundo do canto. Aos 16 anos tiña unha voz de tenor que se propuxo cultivar con diversos estudos de técnica vocal, primeiramente coa gran soprano española Elvira de Hidalgo, pero sobre todo, despois, con Alfredo Kraus, a quen tivo a fortuna de coñecer e que desinteresadamente lle ensinou a súa técnica. Desde entón, a súa vida estivo ligada á de Alfredo Kraus, a quen a fin de continuar os seus estudos con el seguiu mentres puido nas súas múltiples viaxes polo mundo, bolseiro pola Deputación Provincial da Coruña e pola Fundación Barrié; e finalmente pronunciando conferencias en distintos foros así como impartindo clases maxistrais sobre técnica vocal.

Pola súa banda, Paz sinalou que "Kraus antes de comezar a estudar, xa sabía cantar, porque instintivamente sabía onde situar a súa voz de maneira natural. Co estudo, cos seus tres mestres, afianzou a súa técnica", e fixo un relato dos diferentes concertos que Kraus ofreceu, tamén en Galicia, "sempre cun éxito absoluto", así como numerosas  anécdotas. A primeira delas sucedeu, precisamente en Gandarío, cando cantou na festa do Campamento Xuvenil onde convidaran a unha autoridade do concello de Sada -que tiña pouco oído e menos visión de futuro- quen asegurou que "este mozo con esa voz non fará carreira como cantante". "Rimos moito lembrándoo", dixo Paz. Outra foi cando en 1960 cantando a ópera Fausto na Coruña, cando estaba xusto coa súa aria, repentinamente foise a luz, e en vez de calar continuou cantando, el só, sen a orquestra, ata terminar o aria. "O público toleou", dixo.

Dez anos máis tarde, cantando A Favorita no Teatro Colón da Coruña, no último acto non había órgano para acompañar o canto desde fóra do escenario, e foi acompañado cunha melódica -especie de frauta con teclas-. "Mentres el cantaba, miraba para min, escoitándome cantar co coro -isto díxomo a miña muller, que o viu pois ela estaba no coro tamén-. Parece que lle chamou a atención a miña voz". Despois escoitouno en audición privada e foi así como se lle ofreceu para ensinarlle a súa técnica, que tamén explicou na Casa de Galicia, cun gráfico e demostracións, e ademáis proxectou fragmentos de interpretacións de Kraus e algunha propia, e outras en directo.

Noutra ocasión, compartindo escenario con María Calas en Lisboa, quedou patente que á diva non lle gustaba cantar con alguén que lle fixese sombra. "Espero que a próxima vez que volva cantar en Lisboa, non me teñades outra sorpresa como esta...", exclamou ela ao ver a talla do tenor.

Kraus, ademais dos concertos, aos que sempre que podía acudía coa súa familia, especialmente cando os fillos non tiñan colexio, porque iso permitíalle gozar da cidade e dos seus, volvía a Galicia con frecuencia pola estreita amizade que sempre lle uniu con Antonio  Campó "pai de Marta Sánchez, da que Kraus era padriño-. "Ás veces tamén comigo e xuntos gozabamos duns viños e da amizade e a música".

Para finalizar, o orador ofreceuse a contestar preguntas, o que converteu o acto nun animado coloquio, mesmo con breves interpretacións de fragmentos operísticos. "Con isto non contaba eu", dixo un mozo que acudira á Casa "a escoitar unha  conferencia e atópome cun tenor espléndido. Todo un agasallo!", afirmou encantado.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes