Baltar na Casa de Galicia: "Non veño vender Ourense. Veño compartilo"

O presidente da Deputación pronunciou a conferencia "Ourense a provincia termal", acto organizado por AEGAMA
Madrid, 28 de novembro de 2018.-

"Non veño vender Ourense. Veño compartilo", dixo o presidente da Deputación José Manuel Baltar, para iniciar a conferencia "Ourense a provincia termal" que pronunciou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, acto organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, AEGAMA especialmente para os seus membros e amigos, aínda que aberta ao público en xeral. "Ourense é a segunda cidade termal de Europa, despois de Budapest, pero é a primeira provincia, pola cantidade de mananciais que hai en todo o territorio", destacou. "Dos seus 92 concellos, 12 teñen vilas termais e rexistramos a maior temperatura, 77 graos, en Río Caldo, en Lobios.

No acto interviñeron, o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; o presidente de AEGAMA e encargado da presentación do conferenciante, Julio Lage; e o orador, José Manuel Baltar.

Competitividade, economía, emprendemento, termalismo, turismo, cultura, e loita contra o despoboamento rural son algúns dos temas que tratou o relator e que ilustrou con bonitas imaxes, tanto de cultura como de zonas urbanas e rurais.

Baltar destacou a "oportunidade diferencial" que ofrece o termalismo para a economía ourensá, e puxo de manifesto a importancia da alta velocidade ferroviaria a Galicia, "Ourense, como porta de entrada, vai vivir a revolución emprendedora, social e económica máis importante do século XXI". É por iso que "co AVE, dará un gran paso adiante, e temos que estar preparados para ofrecer ao visitante a riqueza que nos fai competitivos: o turismo termal, cultural, deportivo e de natureza, elementos fundamentais para posicionarnos nacional e internacionalmente". Coa chegada da alta velocidade, "o que nos diferencia uniranos aos demais" pois Ourense ofrece "experiencias singulares cun ecosistema natural, patrimonial e etnográfico que poucos territorios posúen, e iso supón unha vantaxe competitiva que se incrementará exponencialmente cando se acurten os tempos das viaxes para chegar".

Xunto ao peso de sectores de gran competitividade como "o agroalimentario, a lousa, o tecnolóxico ou o téxtil", Baltar defendeu "a importancia da transversalidade da innovación", porque "a aplicamos en cada nova iniciativa, xa sexa desde a xestión pública ou en cooperación co sector privado, e iso estanos colocando á vangarda". E así ocorre xa en proxectos como "o de Provincia Intelixente ou o Plan Termal, que son referentes nos seus ámbitos de tecnoloxía aplicada aos servizos públicos e na evolución dos servizos, infraestruturas e promoción do termalismo na provincia".

Ante máis de medio centenar de empresarios galegos na capital de España, o presidente da Deputación apelou a "o noso incansable talante emprendedor", e puxo como exemplo á colectividade na emigración de Arxentina e Uruguai, que visitou recentemente xunto cunha delegación para entregar o Premio "Ourensanía 2018" ao Centro Partido do Carballiño, en Bos Aires, e ao Centro Ourensán de Montevideo. "Igual que eles, dentro e fóra de España, os ourensáns e os galegos deixamos sempre ese distintivo de conciliación, esforzo e traballo que nos identifica", dixo, "algo do que en Ourense temos exemplares experiencias en importantes ámbitos de actividade económica". Neste sentido, falou ademais do proxecto de realizar o Museo Galego da Emigración, "didáctico, pedagóxico e no que se poidan sentir identificadas todas as familias que pasaron por esa experiencia, tan común na nosa terra".

Baltar lembrou tamén o Turismo deportivo como "unha das grandes realidades competitivas da provincia, co Centro de Adestramento de Remo e Piragüismo, ao que chegan seleccións internacionais para facer os seus períodos de adestramento para mundiais e olimpíadas", ou a "firme aposta da Deputación da man da Xunta, pola estación de montaña de Manzaneda", para poñer en marcha o proxecto dos canóns de neve e modernizar a súa infraestrutura, dado que é un lugar singular no noroeste da Península Ibérica, referencia para toda Galicia e norte de Portugal.

A exposición foi seguida dun animado coloquio no que participaron cuantos asistentes desexaron, tanto para compartir experiencias como para expor diversas cuestións.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes