Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Carmen Pena falou na Casa de Galicia en Madrid sobre a figura do pintor vigués Serafín Avendaño que pertenceu á Gran Escola Paisaxística Grigia Xenovesa e está nos manuais italianos

A conferenciante, catedrática de Teoría e Historia da arte Contemporáneo da Universidade Complutense é unha recoñecida intelectual e ademais a viúva do recentemente falecido Fermín Bouza
Madrid, 14 de novembro de 2016.-

"Serafín Avendaño pertenceu á Gran Scola Paisaxística de Xénova, pero nunca recibiu o recoñecemento que merece na historia da modernización da paisaxe galega e española", explicou a catedrática de Teoría e Historia da arte Contemporáneo da Universidade Complutense Carmen Pena, na conferencia "Serafín Avendaño (Vigo, 1837- Valladolid, 1916). Paisaxista galego e internacional", na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia.

O coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, foi o encargado de realizar a presentación, en nome do delegado da Xunta e director da Casa José Ramón Ónega. Nas súas palabras, Jiménez agradeceu á relatora a súa presenza, "dado o recente falecemento do seu esposo, o recoñecido sociólogo Fermín Bouza Álvarez, quen xunto a ela frecuentounos ao longo dos anos. Sentímolo moito Carmen", dixo. Evocou que coñeceu á relatora, "con ocasión doutra conferencia sobre arte que ofreceu nesta mesma Sala fai uns 23 anos", detalle que lembra por ser un dos primeiros actos que xestionou, tras a toma de posesión no seu posto de coordinador. "Existe a arte galega?", era o título. Engadiu ademais sobre a conferenciante que dirixiu importantes cursos sobre arte contemporánea, na Universidade Menéndez Pelayo, en Santander; e nos cursos de El Escorial; comisariou exposicións; é autora de libros sobre arte e de capítulos en publicacións especializadas na paisaxe española; de numerosos artigos publicados en revistas, catálogos, dicionarios... así como os seus relatorios e comunicacións en Seminarios e Congresos da súa especialidade.

Para Carmen Pena, que tamén exerceu a crítica de arte no desaparecido diario O Independente e o seu suplemento semanal, Serafín Avendaño foi un gran pintor de paisaxe de fin de século XIX, situado entre o gusto romántico e as grandes renovacións do realismo. Tivo protagonismo destacado  no "verismo" italiano previo aos macchiaioli, formando parte da Scola Grigia, de Xénova  , xunto aos italianos Luxoro, Ryper e o portugués Andrade?, entre outros. "A súa fama e recoñecemento en Italia é grande, e está nos manuais do século XIX dese país con letras maiúsculas", subliñou.

Serafín pertenceu aos Avendaño de Vigo e medrou no ambiente político e cultural do Rexurdimento estando a súa familia integrada no círculo galeguista liberal activo en torno ao xornal La Oliva e El Miño, apoiando publicacións senlleiras de Murguía e de Rosalía de Castro: o seu pai Xoaquín Avendaño foi un gran pedagogo, con cargos destacados no Ministerio de Instrución Pública e importantes misións e representacións diplomáticas, que deron a oportunidade a Serafín de coñecer EE.UU. e vivir alí, pintando as Cataratas do Niágara, e descubrindo a gran pintura norteamericana de paisaxe da Escola de Hudson. Tamén viviu e viaxou por gran parte de Europa. Por Inglaterra, Francia, Bélxica...

A relatora recoñeceu que aínda que é certo que nestas últimas décadas fixéronse  investigacións importantes respecto da pintura de Avendaño, e unha exposición monográfica en Vigo, sinalou que "o nivel deste paisaxista galego, un dos elixidos por M. Murguía para representar á cultura galega e á súa arte no seu libro Los Precursores (1885), merece unha promoción institucional que o sitúe dunha vez e por sempre entre os grandes da pintura galega".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes