Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

"Castelao non era separatista", dixo Carlos Mella na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia

O economista, escritor, político e presidente da Fundación Castelao falou da "existencia e a presenza política" do emblemático intelectual
Madrid, 23 de xuño de 2017

"Castelao non é separatista; para el o separatismo é unha idea anacrónica e non pode ser o ideal de ningún galego", dixo o presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, na conferencia "Castelao: existencia e presenza política", que pronunciou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia. E engadiu que "Castelao recoñece que Galicia é unha nación con todos os dereitos, pero que está disposta a renunciar a eses dereitos, en xusta correspondencia dos dereitos doutros para construír unha España máis forte".

Na tribuna estiveron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega; o avogado, expresidente do Consello de Contas de Galicia e patrón da Fundación Castelao, Xesús Palmou ademais do conferenciante, Carlos Mella.

Para Ónega, Castelao ensinounos o que era a emigración e o exilio. Esa Galicia desterrada e profunda, doente e sentimental. Citando a Castelao sinalou que "o verdadeiro heroísmo consiste en converter os soños en realidades e as ideas en feitos". Tamén expuxo unha breve recensión sobre Mella.  Carlos Mella (A Estrada, 1930), é economista, escritor e político: é Doutor en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e Diplomado en Economía Financeira pola Sorbona. Foi director xeneral de Política Financeira no Goberno Central, profesor de Economía Política na Complutense de Madrid, Vicepresidente da Xunta de Galicia, conselleiro de Economía e Facenda e deputado no Parlamento Galego en dúas lexislaturas.  Foi tamén  presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega durante catro anos.

Pola súa banda, Mella empezou a súa disertación lendo o documento editado polo Goberno cando morreu Castelao en Bós Aires. Nel tachábaselle de separatista e tiña as indicacións precisas de como había que tratar a noticia nos medios de comunicación (páxinas interiores, fotos pequenas, sen aludir a determinados libros nin debuxos...). "Castelao deixou todo o seu pensamento escrito polo que non hai ningunha dúbida, así que está claro que non era separatista como se di no documento. En relación á palabra nación, como é polisémica, pode ter moitas lecturas.  "Castelao ao converterse en dirixente emblemático do galeguismo, mesmo do nacionalismo galego, foi reclamado por todas as tendencias do abano político e, non poucas veces, o seu pensamento viuse deturpado. Por iso é necesario facer un mínimo resumo da súa cosmovisión para comprender mellor a súa loita por facer presente a existencia real de Galicia".

Mella explicou que "Castelao mirou a Galicia e non lle gustou o que viu. Onde outros miraban e vían prados verdescentes, paisaxes engaioladoras,  solpores tinguidos de rubiose e marelos e demais belezas poéticas, el viu un país asoballado, pero non se deitou cunha queixa fácil xa que se impuxo a tarefa de remediar os atrancos loitando con armas democráticas, a palabra, os escritos e o debuxo".

O relator sinalou que Castelao preguntábase por que un país de tan acusada personalidade e de identidade ben definida non foi quen para  converter a súa existencia en presenza política. E analiza insistentemente a discordancia entre o que é Galicia e o que pesa no concerto político".

"Canto máis o leo máis me gusta", dixo Mella. "Que Galicia existe xeográfica e socialmente é un feito evidente. Que Galicia exista politicamente é unha cuestión que merece ser reflexionada. A existencia real está garantida polo pobo, pero a presenza política realízase a través dos representantes e estes non cumpriron. Por iso Castelao pide un estado federal que permitiría que a presenza política de Galicia fose moito máis efectiva.

"Os partidos nacionalistas non foron capaces de ilusionar aos galegos, non conseguiron consolidarse como movemento de masas. En realidade e para desgraza de Galicia, a historia do nacionalismo parece a historia dun fracaso".

Tras a exposición abriuse un animado coloquio onde os asistentes puideron preguntar todas dúbidas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes