Medios

  • (2848x4288px., 733 Kb.)
  • (2848x4288px., 717 Kb.)
  • (2848x4288px., 780 Kb.)

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Constitución de 1812ey Galicia na delegación da Xunta en Madrid para conmemorar o segundo centenario

O profesor Roberto López López explicou os cerimoniais en Galicia que precederon á xura para asegurar unha boa acollida de "A Pepa"
Madrid, 16 de abril de 2012.

A delegación da Xunta en Madrid acolleu a conferencia "Buscando a sensibilidade desexada: as proclamacións constitucionais de 1812 en Galicia", que pronunciou Roberto López López, Profesor Titular de Historia Moderna da Universidade de Santiago, cuxo departamento foi pioneiro na investigación demográfica, económica e social, e que sentou as bases para outros moitos traballos que logo realizaron diversas universidades.

O profesor explicou que, habitualmente, cando se fala de investigación adóitase asociar a médicos e químicos pero tamén o fan os historiadores como o proban as numerosas publicacións realizadas baseadas en todo ese labor. Grazas a elas puidose saber "a marea de imaxes que precederon en Galicia á xura da Constitución". López López comentou cómo era a sociedade de entón e cómo se fixo para facer chegar "a esencia da Constitución" a poboación xeral, cun alto grao de analfabetismo. Eran importantes as frases curtas, claras e concisas. Montáronse templetes con cadros que deixaban patentes as ideas principais, sen recorrer a barroquismos, nin alegorías que só estivesen ao alcance dos coñecementos duns poucos. "Nada de densas xornadas falando dos artigos", dixo. En cambio, recorreuse a templetes, comparsas, carros engalanados, pinturas, figurantes disfrazados (para representar o valor, o patriotismo, a forza ou a honra), múltiples elementos e imaxes concisas para facer entender o máis importante da nova Norma. Así o profesor fixo un repaso polas diferentes actuacións realizadas en cidades como Santiago, Ferrol ou Coruña e pequenas vilas como Noia. Os principais inimigos aos que se enfrontaban eran comúns a todo o territorio nacional e tamén ás colonias. Comúns e difíciles de combater: "a ignorancia, o erro e a malicia".

Na presentación do acto, o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, comentou que a conferencia "poderíamos enmarcala dentro dos actos conmemorativos durante todo este ano no noso país do II Centenario da Constitución de 1812, a primeira española, unha das máis liberais do seu tempo, e o primeiro paso cara á supresión dos privilexios do Antigo Réxime". Tamén dixo que, "Roberto López é ademais de Doutor en Historia pola Universidade de Oviedo, e Profesor Titular de Historia Moderna da Universidade de Santiago, autor dos libros Oviedo: morte e relixiosidade no século XVIII, Comportamentos relixiosos en Asturias durante o Antigo Réxime, e Cerimonia e poder en Galicia a finais do Antigo Réxime, de centenar de artigos e traballos de investigación dedicados na súa maior parte á historia da cultura e das mentalidades en Asturias e Galicia. Outras investigacións centráronse no estudo dos símbolos e rituais do poder na Idade Moderna como formas de propaganda e de conformación da opinión pública política. Na actualidade participa con investigadores de varias universidades españolas e estranxeiras sobre guerra e propaganda bélica en Iberoamérica no século XVIII, e sobre os procesos culturais urbanos na Coroa de Castela".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes