Salgado enxalza na Casa a actividade do INTECMAR, considerado referencia mundial no control dos ecosistemas marinos

A directora do Intecmar impartiu unha conferencia dentro do ciclo de relatorios "Galicia á vangarda da investigación mariña"
Madrid, 14 de abril de 2016

A  directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), Covadonga Salgado, impartiu esta tarde a conferencia "O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), referencia internacional no control dos ecosistemas mariños". No relatorio, enmarcado no ciclo "Galicia á vangarda da investigación Mariña" e organizado pola Casa de Galicia en Madrid, a directora do instituto deu a coñecer as funcións de control dos ecosistemas mariños que desenvolve este centro oficial da Administración Autonómica de Galicia, considerado un referente mundial na materia.

No acto interviñeron tamén o presidente do Consello de Estado José Manuel Romay Beccaría; a conselleira do Mar da Xunta, Rosa Quintana Carballo; o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López; a propia ponente, Covadonga Salgado Blanco, directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR); y  o director-coordinador do Ciclo, Antonio Villalba García, investigador do Centro de Investigacións Mariñas, da Xunta en Vilanova de Arousa.

Tamén repasou as funcións do INTECMAR para a supervisión da calidade do medio mariño e a aplicación da lexislación en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar, no que se refire ás condicións oceanográficas, ao fitoplancto, ás biotoxinas, á microbioloxía e viroloxía, aos metais pesados, aos compostos organoclorados e aos hidrocarburos.

Nesta liña, a directora do Intecmar explicou que o centro realiza en torno a 135.000 análises e emite máis de 2.000 informes anualmente, co fin posibilitar o funcionamento dos plans de explotación das entidades marisqueiras. Sinalou ademais que este instituto publica ao ano entre 400 e 500 resolucións de peches ou aperturas das distintas zonas de explotación de moluscos bivalvos existentes en Galicia, atendendo á situación microbiolóxica e de biotoxinas maioritariamente.

No eido da sanidade animal, Covadonga Salgado deu conta do control de patoloxías en moluscos bivalvos realizado polo centro. Este labor é fundamental para dar cumprimento á lexislación relativa aos requisitos zoosanitarios dos animais e produtos da acuicultura, así como para previr determinadas patoloxías nas principais especies comerciais que se explotan en Galicia.

Por outra banda, a directora do Intecmar explicou que o centro tamén traballa no desenvolvemento de ferramentas contra a contaminación mariña accidental. Neste sentido, explicou o papel que desenvolve o Instituto de Vilaxoán no Plan de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGAL) para facerlle fronte a un episodio de contaminación mariña accidental que se produza ou afecte ao litoral da Comunidade galega. Finalmente, Covadonga Salgado lembrou que o INTECMAR participa en numerosos proxectos científicos e proporciona un apoio fundamental aos grupos investigadores, pola gran cantidade de datos que produce e pon á súa disposición.

Esta conferencia é a quinta das seis que comprende o ciclo "Galicia á vangarda da investigación Mariña", un ciclo que segundo sinalou o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, "está destinado a difundir o gran labor que están realizando os investigadores galegos, que contan con traballos recoñecidos nas publicacións científicas máis prestixiosas, liderando o número de proxectos financiados pola Unión Europea no eido mariño". José Ramón Ónega amosou a súa satisfacción pola celebración desta iniciativa na Casa de Galicia, xa que, sinalou, Galicia é un referente na produción de moluscos e é a primeira produtora de mexillón de Europa.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes