Xesús Palmou: "Castelao relacionou, por primeira vez, Autonomía con benestar"

A Casa de Galicia acolle esta semana un ciclo dedicado ao polifacético intelectual realizado en colaboración con la fundación que lleva su nombre
Madrid, 23 de maio de 2016

"Castelao relacionou, por primeira vez, Autonomía, (Facenda), co benestar dos galegos", tal e como sinalou o avogado e expresidente do Consello de Contas de Galicia, Xesús Palmou, na conferencia inaugural do ciclo "Ao redor de Castelao", organizado pola Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia en colaboración coa Fundación Castelao; co obxectivo de "achegar ao público madrileño a polifacética figura do insigne artista e intelectual galego, dunha maneira multidisciplinar, con reflexións, a cargo de diferentes estudosos, sobre os temas que marcaron a súa traxectoria, analizados desde a actualidade: o seu pensamento social, político, económico e artístico".

O acto estivo presidido polo presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay, e o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, foi o encargado da presentación da sesión inaugural que pronunciou Palmou baixo o título "O pensamento económico social de Castelao".

Ónega destacou nas súas palabras algúns dos aspectos máis relevantes da traxectoria do relator: doutor en Dereito pola Universidade da Coruña;  experto en Economía pola Universidade de Alcalá de Henares; avogado, en posesión da Medalla de ouro ao mérito da Avogacía, concedida polo Consello Xeral da Avogacía Española, e a Cruz de Honra de San Raimundo de Peñafort; Académico de número da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación; e Patrón da Fundación Castelao e outras Fundacións benéfico-sociais e culturais, entre outros moitos méritos.

Pola súa banda, o relator explicou que Castelao non era nin por formación nin por vocación economista, e en consecuencia "o seu pensamento non reflicte unha tese económica concreta". Era un observador da realidade social que analizaba co obxecto de transformala e mellorala. Esa observación e preocupación social, con especial incidencia no mundo agrario e mariñeiro, aluma e modela o seu pensamento nesta materia. Por iso é polo que o feito económico na obra de Castelao apareza sempre envolvido no social. O seu pensamento económico recolleito na súa obra Sempre en Galiza e nos seus discursos no Congreso dos Deputados, reflicte as medidas deste ámbito que farían posible a transformación da realidade social que observa e non lle gusta.

Palmou engadiu que "como observador e político, Castelao é consciente de que as medidas económicas só serán efectivas nun marco lexislativo que as faga posibles e tras un cambio político que transforme a España centralista nunha España descentralizada de corte federal".

O programa económico para Galicia céntrao Castelao "na agricultura, a gandería e a pesca, pasando por encima da industria e os servizos na Galicia do seu tempo". A crítica á realidade social, centrada no mundo agrario e pesqueiro e nas estruturas dos caciques, as que responsabiliza de moitos dos males do seu tempo, aparece reflectida non só na súa obra escrita senón tamén en gran parte da súa obra gráfico-artística.

Castelao considera que o atraso económico e social que vivía Galicia ten causas de ámbito político e en consecuencia só pódense resolver nese ámbito. "A tutela centralista sáelle cara a Galicia e a Galicia sóbralle capacidade para vivir como rexión autónoma nunha España federal".

Toda a súa teoría no ámbito económico e social, ten como colofón unha medida política fundamental, un Estatuto de Autonomía para Galicia que a dignifique e impulse o seu desenvolvemento económico e social, a través de: Capacidade lexislativa; Administración propia próxima aos galegos e coñecedora da súa realidade e das súas necesidades; e Unha Facenda propia que acabe cos desequilibrios fiscais que tanto prexudican a Galicia.

Desta forma, e como resume para Palmou: "Castelao relaciona por primeira vez Autonomía, co benestar dos galegos".

A este relatorio inaugural seguirán outras dous: o martes 24, "AS MANIFESTACIÓNS ARTÍSTICAS EN CASTELAO", por Miguel Anxo Seixas Seoane, licenciado en Historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela; e o mércores 25, "CASTELAO E A POLÍTICA", por Xusto  Beramendi González, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes