O notario pontevedrés Vitorio Magariños falou na Casa de Galicia en Madrid sobre "Liberdade para dispoñer dos bens en testamento"

O relatorio, primeiro dos catro previstos, enmárcase dentro do ciclo "Temas Xurídicos de Actualidade" organizado pola Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (IURISGAMA) e contou con preto dun centenar de persoas
Madrid, 10 de novembro de 2016

"A lexítima carece hoxe de fundamento", dixo o notario da localidade pontevedresa de Pontecesures, Victorio Magariños Blanco, na conferencia que pronunciou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, baixo o título "A liberdade para dispoñer dos bens en testamento", relatorio que se enmarca dentro do ciclo "Temas Xurídicos de Actualidade" organizado pola Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (IURISGAMA) e primeiro dos catro previstos. No acto interviñeron, ademais do orador, o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega López; o profesor e coordinador do ciclo Carlos Lema Devesa, catedrático de Dereito Mercantil da UCM e presidente da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (IURISGAMA).

Tras as palabras de benvida, Ónega destacou "o acreditado labor de IURISGAMA nesta Vila e Corte" e lembrou a "ampla nómina de ilustres personalidades galegas vinculadas ou relacionadas co mundo do Dereito, un campo tan relevante, destacado e difícil", evocando tamén como xa no Século XIX o Tribunal Supremo estaba constituído na súa maioría por maxistrados galegos, polo que "con humor non exento de certa envexa, designábano como o Tribunal da Gaita".

Pola súa banda, Lema Devesa, encargado da presentación de Victorio Magariños, destacou os seus múltiples méritos, e de maneira específica, apuntou a condición de académico correspondente á Academia Nacional de Dereito e Ciencias Sociais de Córdoba (Arxentina), así como Académico correspondente da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. E, finalmente, subliñou a actividade que actualmente continúa desempeñando con D. Victorio Magariños como vogal permanente da Comisión Xeral de Codificación".

Magariños Blanco na súa disertación fixo unha defensa da liberdade de testar cunha exposición centrándose en varios aspectos. Para empezar, centrouse en falar sobre a situación legal en España e nos países da súa contorna cultural, e tamén da evolución lexislativa ata o momento actual. Seguidamente ofreceu unha "análise dos argumentos a favor do sistema de lexítimas e dos cambios operados na realidade social actual".

En relación á defensa da liberdade de testar, Magariños sotiene que "a lexítima carece hoxe de fundamento", dado que "a liberdade de disposición mortis causa responde con maior aproximación ás esixencias da equidade", e que, ademais, "en canto constitúe contido esencial do dereito de propiedade merece e esixe o amparo do lexislador".

"É pois necesaria unha modificación do sistema, na que se recolla a liberdade de dispoñer mortis causa, suprimindo o privilexio de adquirir bens por razón de parentesco forzando a vontade do seu titular", dixo "sen prexuízo dos deberes de alimentos a descendentes, ascendentes, cónxuxe ou convivente que o necesiten por razón de idade ou discapacidade".

A conferencia, á que asistiron preto dun centenar de persoas, finalizou cun animado coloquio no que algúns dos asistentes tiveron a oportunidade de expor ao eminente notario casos concretos.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes