A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu hoxe a conferencia "Perversións actuais do proceso penal" polo catedrático coruñés Gonzalo Rodríguez Mourullo

O acto, que foi pechado por Romay Beccaría, enmárcase dentro do ciclo "Temas xurídicos de actualidade", organizado pola Asociación de Xuristas Galegos en Madrid, IURISGAMA
Martes, 9 de maio de 2017

Tanto o Tribunal Supremo como o Tribunal Constitucional estableceron, ao mesmo tempo, unha doutrina xurisprudencial impecable, pero que na práctica sofre certas desviacións", dixo o catedrático coruñés de Dereito Penal, Gonzalo Rodríguez Mourullo na conferencia "Perversións actuais do proceso penal" que pronunciou esta tarde na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia. O relatorio, cuxo peche foi realizado hoxe polo presidente do Consello de Estado, José Manuel romay Beccaría, está enmarcada dentro do ciclo "Temas Xurídicos de Actualidade", organizado pola Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (IURISGAMA) que preside o profesor Carlos Lema Devesa.

Entre as desviacións que sinalou Mourullo citou por exemplo casos como "os de aplicación da detención e prisión provisional, interceptación das comunicacións telefónicas ou o segredo do sumario". Para o orador "a doutrina é impecable pero non a súa aplicación polo que hai un divorcio que para evitalo é preciso respectar o exposto".

A presentación do acto correu a cargo do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, mentres que a do orador realizouna o catedrático de Dereito Mercantil da Universidade Complutense de Madrid  e presidente de IURISGAMA, Carlos Lema Devesa.

Ónega destacou nas súas palabras "a honra de compartir esta mesma mañá o acto solemne no que Rodríguez Mourullo foi distinguido polo ministro de Xustiza coa Orde da Cruz de San Raimundo de Peñafort, coa que o Ministerio premia os relevantes méritos contraídos por cuantos interveñen na Administración de Xustiza e no seu cultivo e aplicación do estudo do Dereito en todas as súas ramas, así como polos servizos prestados".

Pola súa banda, Lema Devesa destacou do disertador a súa dilatada traxectoria que iniciou xa na Universidade de Santiago na que se licenciou con premio  extraordinario en 1957, obtendo igualmente o Premio "José Calvo Sotelo" ao mellor expediente da súa promoción. Foi catedrático de Dereito Penal na Universidade de Oviedo, na Universidade de Santiago de Compostela (1970) e na Universidade Autónoma de Madrid desde 1970. Destacou ademais a súa prometedora faceta de escritor que abandonou para dedicarse integramente ao labor de xurista, despois de gañar en 1954 o primeiro premio de contos do Centro Galego de Buenos Aires, e publicar "Nasce unha árbore" e "Memoria de Tains", en 1956, obras que sentaron as bases dunha fonda renovación na literatura galega que deu orixe á chamada nova narrativa galega.

Ademais, Rodríguez Mourullo tivo un destacado papel na elaboración do Código penal de 1995, como relator xeral do proxecto de 1980. É membro do Ilustre Colexio de Avogados de Madrid desde o ano 1962, de cuxa Xunta de Goberno foi Deputado. De entre os recoñecementos e distincións destacan: Vogal Permanente da Comisión Xeral de Codificación; Relator Xeral da Comisión redactora do Proxecto de novo Código penal de 1980, do que trae causa o vixente Código penal de 1995; Académico de número da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación e Académico de Honra da Galega de Xurisprudencia e Lexislación; Cruz de honra de San Raimundo de Peñafort. Tamén está en posesión da Medalla Castelao, máximo galardón dos que concede a Xunta de Galicia, outorgado pola súa achega á ciencia xurídica. Recibiu o "Premio Montero Ríos" concedido pola Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (Iurisgama) pola súa relevante actividade no campo do Dereito.

Na súa ampla exposición Rodríguez Mourullo analizou detidamente diversos artigos e as súas "perversións" e censurou a posibilidade de utilizar dispositivos tecnolóxicos en espazos privados. As novas tecnoloxías e o seu gran avance están a alterar a aplicación das leis. Un caso especialmente flagrante que Mourullo definiu como "traspasar a liña vermella", foi a autorización dun xuíz a que se realizasen gravacións de conversacións entre presos e avogados, "algo inaudito no exercicio da avogacía".

Romay Beccaría pechou a sesión evocando á vella Facultade de Dereito de Santiago "na que estudamos a maioría dos aquí presentes e da que temos marabillosos recordos". Referiuse tamén á afección de Mourullo á Literatura "esoutra relixión" destacando de novo os dous libros, que son "xa fitos, dous libros capitais", e animouno a que retomase de novo a pluma.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes