Diego Pardo Amado: "Rosalía: unha escritora revolucionaria"

O profesor coruñés, que traballa en Oxford, é especialista na autora galega e ofreceu unha conferencia na Casa
Madrid, 28 de septiembre de 2015

"Rosalía foi unha escritora revolucionaria. Postulaba pola soltaría feminina como solución frente a o matrimonio convencional", dixo como exemplo na Casa de Galicia Diego Pardo Amado, doutor en Filoloxía galego-portuguesa que traballa no John Rutherford Centre da Universidade de Oxford (Reino Unido), na conferencia que pronunciou hoxe sobre a insigne poeta. O acto estivo presidido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega, quen destacou na súa intervención a sólida formación do  conferenciante, especializado na figura de Rosalía, sobre a que publicou dous libros, así como numerosos artigos en diversas revistas especializadas.

Na conferencia, Pardo Amado realizou un amplo percorrido pola vida e a obra da autora centrándose nos aspectos máis rompedores, como a emancipación da muller e as súas propostas igualitarias, a defensa do idioma, a denuncia sobre as desigualdades ou as súas intervencións políticas.

O relator tivo como punto de partida a revisión dalgúns dos episodios máis interesantes e controvertidos do periplo vital da escritora, incluída a súa estadía en Madrid, desde abril de 1856, onde casou co historiador Manuel Murguía, na igrexa de San Ildefonso. A través deste percorrido quixo facer "unha reconstrución da biografía rosaliana con mínimas garantías de veracidade e afastada de terxiversacións interesadas, que infelizmente teñen sido tan habituais".  

Por outra banda, destacou que Rosalía de Castro "non foi allea aos innúmeros textos que desde mediados do século XIX advertían á muller de que o seu papel na sociedade debía limitarse ao ámbito doméstico a través do matrimonio. A presenza deste xénero de argumentacións, ademais, increméntase notabelmente neste período, con toda a probabilidade a modo de resposta ás pretensións emancipistas que a presenza de artigos protofeministas en publicacións periódicas testemuñan".

Rosalía de Castro vive e coñece as consecuencias dun sistema legal que desampara enormemente a muller, e por isto participa na polémica que xorde no derradeiro terzo do século XIX arredor da publicación da Ley de matrimonio civil, dentro do debate sobre a identidade feminina e o seu papel na sociedade. "A escritora traslada a reflexión sobre o matrimonio á súa obra, en que está presente o discurso feminista que pretende dinamitar a ideoloxía patriarcal dominante, postulando a soltaría feminina como solución face á degradación e submisión que o matrimonio comporta para as mulleres". 

De entre as diversas proxeccións do debate identitario derivadas do estudo lexislativo, o ponente considera "especialmente relevante a que atinxe ao dote e dereitos de publicación". Considera que "o artigo 52 da Lei de matrimonio civil de 1870 constitúe unha proba de peso que obriga a reconsiderar a visión crítica tradicional dunha Rosalía reticente a dar ao prelo os seus traballos, concluíndomos que mesmo foi artífice e indutora da publicación dos Cantares gallegos. Sen dúbida, este papel resulta moito máis coherente para coas denuncias que encontramos na súa obra, e, aínda, coincide coa atención que na poeta desperta o proceso canonizador da súa producción".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes