José M.ª Peláez Valle: O Marqués de Salamanca era un personaxe de novela que pasou de nobre revolucionario a empresario e político internacional na España do XIX

O escritor e profesor universitario en Vigo ofreceu na Delegación da Xunta en Madrid un percorrido pola vida e contorna de José de Salamanca
Madrid, 20 de febreiro de 2018

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a Conferencia: "Un personaxe de novela: o Marqués de Salamanca", que ofreceu o escritor e profesor José María Peláez Valle, un percorrido pola vida, obra, fantasías, realidades e relacións cos principais personaxes da época de José de Salamanca, quen pasou de nobre revolucionario na súa mocidade a político e empresario con importantes e decisivas actuacións para España en asuntos internacionais. Entre as cuestións expostas, algunhas "absolutamente inéditas", tal e como destacou, foron as "aclaracións sobre a intervención de José de Salamanca nos acordos co xeneral Cabrera en Londres para propiciar o final das Guerras Carlistas estudadas por un grupo de investigación español que desvelou aspectos descoñecidos".

A presentación do relator realizouna o coordinador de Actos Ramón Jiménez, quen a fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega. Jiménez lembrou que Peláez xa ocupara esta tribuna con anterioridade, e presentado o libro Héroes en el olvido, no marco das conmemoracións do bicentenario da Guerra da Independencia. É autor tamén da novela histórica Honor y rebeldía, ambientada na postguerra da Independencia. Outros libros seus son Pequena estatuaria de bronce, Armería vasca de luxo no século XIX, Desafíos, Encuentros y Duelos de Honor. Armas de Reglamentos e El hombre de las muñecas. Así mesmo é unha recoñecida autoridade en Armería Antiga, o que vén avalado ademais polos seus moitos anos de docencia como profesor numerario de Enxeñería de Materiais e Metalurgia Histórica da Universidade de Vigo (está en posesión tamén do título de Enxeñeiro Europeo – Euroingeniero-, con acreditación de Bruxelas), así como polos seus traballos de investigación sobre metalurgia de obxectos de arte antigos, publicados no Consello Superior de Investigacións Científicas e outras importantes entidades, e os seus labores de asesoramento para museos e de experto para anticuarios e salas de poxas internacionais.

O conferenciante expuxo con histórico rigor algúns "feitos" da "fantástica e azarosa vida de tan interesante e curiosamente esquecido ou maltratado personaxe no seu contexto", con importantes eventos internacionais e delicadas xestións do Marqués no ámbito internacional, fuxindo de "as visións partidistas" que con frecuencia empregan moitos tratadistas. Sinalou que do Marqués de Salamanca dixo o propio Alejandro Dumas, amigo persoal, que en caso de coñecelo con anterioridade non tivese que espremer a súa imaxinación creando o famoso personaxe do Conde de Montecristo, dado que a súa vida, "desde a súa mocidade aventureira, a súa relación sentimental coa heroína Mariana Pineda, a súa postura de rebeldía durante a Década Ominosa e as súas participacións no ámbito militar durante a Guerra Carlista, alternadas co desempeño de actividades políticas, o episodio novelesco da súa resurrección despois dunha morte aparente e a súa voda con Petronila Livermore", xa superan calquera novela.

O profesor Peláez Valle desvelou aspectos pouco coñecidos dos personaxes relacionados e vinculados co poder real e infinidade de acontecementos especiais e acceso ao poder político, así como "os fabulosos negocios, desenvolvidos en España e no estranxeiro coa creación de empresas construtoras de ferrocarrís en Europa e USA, e un longo etcétera de participacións en intrigas internacionais alternadas cunha vida de luxo inconmensurable, as súas compras de pazos, fabulosas festas, protección a artistas e un longo etcétera de feitos acreditados entre moitos outros obxecto da fantasía que se construíu ao redor da figura do Marqués".

O desenvolvemento urbano en Madrid do Barrio de Salamanca, a súa visión de modernidade e de futuro foron descritos con toda clase de detalles e valoracións do novo espírito urbano que se creou en paralelo.

Destacou ademais "a asimetría do desenvolvemento económico de Galicia" nesta parte do século XIX e resaltou o enorme atraso na construción de liñas de comunicación ferroviarias entre Galicia e Madrid.

O orador ofreceu ademais unhas pinceladas sobre a relación do Marqués co famoso restaurante Llardy, cuxo coxerente actual, Daniel Marugán, acudiu á Casa de Galicia para coñecelas de primeira man. Llardy era en 1839 unha pastelería que grazas ao apoio do Marqués, converteuse, xa por entón, nunha empresa de cátering que lle serviu banquetes a domicilio de ata 600 comensais. Era lugar emblemático que reunía todo o máis selecto da capital e un mentidoiro ao uso, que chegou ata os nosos días.

Para concluír, Peláez falou do declive económico e as causas que levaron ao Marqués á ruína, aspecto co que puxo o broche final á documentada e interesante conferencia que ilustrou con fotografías antigas da época.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes