O Pergamiño Vindel, que contén íntegra a obra de Martin Codax é o único testemuño de cantigas de amigo con notación musical

Tal e como se expuxo na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia na conferencia organizada por M. Moleiro na que desvelaron os enigmas do afamado bifolio, e a que asistiron máis de 150 persoas
Madrid, 10 de outubro de 2016

"A importancia do Pergamiño Vindel radica non só no feito de que contén a obra íntegra do xograr galego Martin Codax, senón en que é o único testemuño conservado de cantigas de amigo con notación musical", dixo Manuel Moleiro na conferencia, organizada pola súa editorial baixo o título "O Pergamiño Vindel: un enigma desvelado", que pronunciou na delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Mariña Arbor Aldea, coincidindo coa exposicición que pode verse na Casa ata o 28 deste mes: "Tesouros bibliográficos (S.X-XVI): a arte e o xenio ao servizo do poder", que inclúe un clon do Pergamiño, a obra máis importante da lírica galego-portuguesa (Cantigas de amigo de Martin Codax).

No acto interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega; o editor Manuel Moleiro e a relatora Mariña Arbor, quen ademais é coordinadora e coautora do libro de estudos do Pergamiño Vindel.

Na presentación, Ónega lembrou que "a mostra deixanos sorprendidos, encantados e iluminados, dado que son tesouros bibliográficos dos séculos X ao XVI". Son unha trintena de códices catalogados como obras mestras da historia do arte, realizados para  emperadores reis e papas e que agora, grazas ao labor de Moleiro,  que os clonou, todo o mundo pode contemplar e gozar. O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega fíxolle entrega a Manuel Moleiro do Diploma da Casa, que o distingue polo seu labor, "en recoñecemento aos seus méritos persoais e polo seu afecto a esta institución", xesto que o editor agradeceu nas súas palabras.

Moleiro, puxo ademais de manifesto a complicidade que mantén coas bibliotecas nacionais e os museos que conservan estas xoias bibliográficas para garantir a súa conservación e estudo, clonando 987 exemplares de cada manuscrito iluminado nunha edición única, limitada, numerada e certificada notarialmente. Explicou que a realización do primeiro exemplar faise na biblioteca que conserva o orixinal xa que polo seu valor incalculable, tanto desde o punto de vista cultural como económico, estes tesouros gozan dunha protección especial e non saen nunca da biblioteca ou museo  que os conserva. Dito doutra maneira, M. Moleiro realiza este traballo alí onde estea o orixinal, en Rusia, Francia, Estados Unidos" Detallou tamén como conseguen que as cores non se poidan distinguir visualmente entre a réplica e o orixinal.  Como é o proceso de impresión, mesturando varias técnicas, e o estampado dos metais se é que levan ouro ou prata, así como a forma de realizar a encadernación, que utiliza exactamente os mesmos materiais que se usaban na Idade Media e o Renacemento. O obxectivo final é conseguir un exemplar que sexa dificilmente diferenciable do que no seu día tiveron nas súas mans emperadores ou reis como Isabel a Católica, Carlos VIII ou Luís IX de Francia, entre outros.

Pola súa banda, a relatora Mariña Arbor Aldea, falou dos resultados que as últimas investigacións proporcionaron sobre o Pergamiño Vindel, datado na segunda metade do século XIII, "que nos transmite as sete cantigas de amigo do xograr galego Martin Codax acompañadas de notación musical. O famoso bifolio, que ostenta a honra de ser un dos máis antigos relatores da lírica trovadoresca europea que envía texto e música, é, ademais, un dos testemuños máis importantes da poesía galego-portuguesa, poesía que constitúe unha das manifestacións líricas máis antigas da Península Ibérica e que entronca, ademais, coa poesía escrita en lingua romance da Idade Media europea".

Arbor tratou tamén o contexto político, social e cultural, así como as características esenciais desta poesía. Debullou logo os achados que "desvelan" os enigmas que ata agora encerraba o manuscrito: percorrido pola súa historia e fortuna, desde o seu achado en 1914 en Madrid por parte do famoso libreiro Pedro Vindel, do que tomou o nome, ata a súa venda, en 1977, á Pierpont Morgan Library de Nova York, onde se atopa na actualidade.

Á Casa acudiron máis de cento cincuenta persoas e entre elas  o embaixador de Serbia Danko Prokic; o pintor serbio que expón na sala A de a Casa, Veljko Mihajlovic, así como descendentes de Pedro Vindel...

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes